Autocrítica, lealdade, confianza


Este tempo que tocou vivir após as eleicións do 1 de marzo probabelmente non vai estar exento de certas convulsións internas no seo do BNG. Nos debates que colectivamente temos que dar para comezar un novo ciclo político cómpre que sexamos autocríticos e honestos, que empreguemos as canles internas da organización e que manteñamos a cabeza afastada das flaxelacións, dos eu xa o dixen e das facturas persoais, todas elas tendencias moi propias de procesos como este. A pesar dos anos e da experiencia de boa parte da militancia no traballo político e sindical, a capacidade que temos como organización para caer na desorientación e na tentación das reinvencións continuas segue resultándome sorprendente. Por iso penso que en momentos como os actuais nin veñen mal nin sobran as chamadas á sensatez, á confianza nas forzas propias e, sobre todo, á responsabilidade de todos e todas, cuestións que, lonxe da retórica baleira, penso que deberían traducirse nunha actuación guiada polo máis básico sentidiño: falar as cousas na casa, facelo de forma construtiva e facelo participativamente, sen permitir que desde fóra se tenten crear ou condicionar os debates internos. Todo o resto (mesianismos mediáticos, radicalismos marxinais e marxinalizantes, individualismos iluminados) non contribúe máis que a xerar ruído nun proceso que precisa xustamente do contrario, de orde e claridade. Neste sentido, das achegas máis interesantes que vén habendo desde que pasou o que pasou destacan, na miña opinión, as entrevistas concedidas por Francisco Rodríguez. Non son frecuentes os responsábeis políticos que nin fuxan das preguntas incómodas nin refuguen da autocrítica pública, así que nunha situación como a actual, na que determinados poderes fácticos gostarían de destruír o BNG como forza política socialmente relevante e operativa -amplificando as voces críticas que lle entran no xogo, xogando ao maniqueismo de duros e brandos, continuando coa campaña de desmoralización da militancia- reflexións como as que fai o dirixente nacionalista nesta entrevista de El País (obsérvense os topicazos folclóricos nos que cae o entrevistador) son un bo exemplo de como desde o propio BNG se pode facer crítica (e autocrítica) á organización e ao Goberno mantendo a lealdade e a responsabilidade para coa mesma.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios