terça-feira, 17 de novembro de 2009

Zaindu maite duzun hori

Opinións sensatas, de plena confianza,
sobre o noso pobo.
Pola mañá e pola tarde falando
do noso pobo.
A min tamén me gustaría
ter certezas semellantes
mais, o que son as cousas!,
as contas non me saen tan ben.
Menuda sorte
a deses que son de calquera sitio!
Por enriba de todas as silveiras
pasan voando.
Ninguén me dixo
que dificil era ser euskaldún,
nin que máis me valía escoller
ser "ciudadano del mundo".

Gustaríame cantar
cancións suaves,
coma o sol para aqueles
que están á sombra.
Coida aquilo que ames.

Dixéronme:
Como andas con asuntos de amor?
A convivencia en xogo
e ti con versos pequenos!.

Gustaríame cantar
cancións suaves,
coma o sol para aqueles
que están á sombra.

Coida aquilo que ames.
Coida aquilo que odies.
Cóidao.



sábado, 14 de novembro de 2009

Linguas, terras e tempos




Na batalha de Uclés (1108) em que foi derrotado pelos Mouros, Afonso VI, o conquistador de Toledo, rei de Leao e de Castela, perdeu um filho querido. A crónica latina em que é narrado este acontecemento interrompe o texto latino para reproduzir a lamentaçao do rei na sua própria lingua materna: "Ay meu fillo! ay meu fillo, alegria do meu coraçon e lume dos meus ollos, solaz de mia velhece! Ay meu espello en que me soía veer e con quen tomaba gran prazer! Ay meu herdeiro mor. Cavaleiros, u me lo deixastes? Dádeme o meu fillo, Condes!"

Qualquer leitor entende que o rei de Leao e Castela se estava queixando em galego, que era a sua lingua, a sua lingua de criaçao. Este rei era avô de Afonso Henriques, o primeiro rei de Portugal.


Deste xeito comeza a súa moi difundida Iniciaçao na Literatura Portuguesa o estudoso portugués Antonio José Saraiva. Son de recoñecer as súas palabras por canto, aínda que reparando nunha obviedade, cando menos sitúan o foco nunha cuestión pouco explicada desde o ámbito da historia e da literatura nos territorios ibéricos. Por suposto no caso galego, afeitos á asunción acrítica dos coñecementos historicos que a este respecto nos inculcaron -como neutrais e incuestionábeis- a Escola e a Igrexa española, rara vez reparamos en moitos deles e nos porqués subxacentes que os explican. Un destes elementos son as cantigas medievais, o riquísimo corpus literario que conforman as cantigas de amigo, de amor e de escarnho e maldizer das que temos constancia a través dos Cancioneiros. ¿É críbel que o galego fose a lingua de expresión e de creación dos reis propios -que se nos transmiten sempre como de León ou Asturias- e mesmo dos alleos -casteláns como Afonso X o Sabio, que tiña a súa Corte en Toledo- sen que houbese unha correspondencia no plano politico e económico que explicase por que o galego e por que a Galiza daquel tempo eran semellante foco de cultura? Non convén proxectar na historia a realidade actual nin substituir uns mitos por outros, e xustamente por iso débese esixir honestidade e rigurosidade intelectual a este respecto. De o facermos, non queda outra que cuestionar abertamente a propagandística e españolísima historia que, como ferramenta lexitimadora dunha vontade política unitarista de longa tradición filolóxica e historiográfica, pretendeu vertebrar España á forza nas nosas cabezas de alumnos e alumnas dos diferentes sistemas educativos. Só deste xeito poderemos achegarnos e explicarnos, á marxe da mera ideoloxía, o nacemento de Portugal como reino a partir do vello espazo histórico da Gallaecia, ou as continuas referencias nas fontes árabes a Jalikiah como termo que designaba o conxunto de territorios cristiáns do noroeste (e que a historiografía española traducía sorprendentemente por ¡Reino de León! a pesar do cristalino do seu significado), ou por que é en Compostela onde se decide facer "aparecer" o sepulcro do Apóstolo Santiago, ou por que os reis -ainda tendo a Corte en León- criaban aos seus fillos nas principais casas da Galiza -os Traba, primeiro, e os Castro, despois- e se rodeaban de nobres desta procedencia. Forzar a historia e facérnola pasar por neutra, por obxectiva -aínda que calquera persoa sabe que a historia se amolda sempre aos intereses do bando vencedor- resultou tarefa longa mais de innegábeis froitos para a ideoloxía castelanista que estivo no cerne do proxecto estatal español.

Haberá quen lea as estas palabras coa prevención de estaren escritas por un nacionalista galego, e pasaralle entón pola cabeza, mesmo sen procurala conscientemente, toda a consabida rea de descalificacións con que boa parte da intelectualidade española responde a cotío a estas cuestións espiñentas -para eles-. Xa se sabe, España una y no 51. Como son dos que penso que ou España diversa ou España ningunha, asistín con moito interese ás xornadas que a Fundación Bautista Álvarez celebrou sobre a época medieval galega hai algúns días no Museo do Pobo Galego, e que resultaron altamente suxestivas e interesantes. E como despois das mesmas levo uns cantos días mergullado e gozando de leituras sobre o tema, non me resisto a recomendar -a quen quixer achegarse e furgar na nosa historia medieval (política, cultural e lingüística)- a leitura de tres libros documentados, amenos e rigurosos: os imprescindíbeis O Reino Medieval de Galicia (Anselmo López Carreira, A Nosa Terra) e Lingua galega, normalidade e conflito (Xosé Ramón Freixeiro Mato, Laiovento) e o exitoso e moi recomendábel Otra idea de Galicia (Miguel Anxo Murado, Debate). Cada un no seu campo (histórico, filolóxico e literario-xornalístico) deitan luz sobre o proceso ideolóxico que construíu unha historia oficial á medida e contribúen a deixar en evidencia os mitos e lecturas interesadas que a sustentan (Pelayo, a Reconquista, o Cid, San Millán de la Cogolla e demais artificios que Menéndez Pidal e a Xeración do 98 impulsaron para tentar vertebrar España aínda a custa de violentar as evidencias).

Lembreime disto hoxe á mañá, mentres asistía en Ribadeo á presentación do libro Literatura dramática e teatro en galego do Eo-Navia, editado pola Universidade de Vigo na súa colección Òlga e da que é autora unha antiga compañeira de CAP, Rita Bugallo, un novo traballo que xunto con A herdade que nós temos. Historia e escolma da prosa en galego do Eo-Navia e Évos un amaicer guapo. Aproximación á poesia en lingua galega do Principado de Asturias -dos que son responsábeis Suso Fernández Acevedo e Xoán Babarro González, respectivamente-, supón un paso máis no estudo e posta en valor da nosa lingua neste territorio, historicamente de cultura e lingua galega mais de pertenza administrativa a Asturias, unha realidade da que a Secretaría Xeral de Política Lingüística de Galiza se desentende en tanto o Serviciu de Política Llingüistica de Asturias praticamente a nega. Vese que os dereitos lingüísticos dos cidadáns galegofalantes de Castropol, Taramundi ou Tapia de Casariego non teñen interese para os defensores advenedizos do bilingüismo cordial e por aí.

sexta-feira, 13 de novembro de 2009

Luns de inverno

A chuvia tece tardes para ficar mirando pola ventá e deitarse no arume do café recén feito. Pásame sempre, todos os luns de inverno penso en fuxir. Mentres cruzo co coche estradas empapadas de silencio e deixo aos lados gasolineiras e cafés de paso, casiñas fumegantes nas ladeiras dos vales do país. Calquera delas sería un bo lugar. Para abrazar o sono, para ler cunha manta e un colacao sentindo a chuva, para mirarte e saber que estás cerca. Sobre todo para esquencérmonos de todo o demais. E porén, escoitamos a radio, enchufámonos aos outros e invádenos a vida. Falamos, recuperando a enerxía, esquecendo a resaca. A nosa causa debe traer arumes de primavera, defender a ilusión en cada paso, dinamitar o cinismo coas propias mans, golpe a golpe e beixo a beixo. Sexamos ou non crentes, cómpre non perder de vista o decálogo de Frei Betto, manter a capacidade para nos querer mellores e diferentes. Falamos diso e lembramos intres. Eu a marabilla de escoitar en Ribadeo, nas Xornadas Mar por Medio de 2007, ao chileno Luís Sepúlveda -que formara parte moi noviño do círculo persoal do presidente Allende- emocionando todo o auditorio cunha intervención fermosísima na que, cun estilo poético mais, ao tempo, claro e contundente, falara do sentido de pertenza a unha terra e a un lugar -o seu, e o dos seus antepasados mapuches ("os fillos da terra")- e da necesidade de defender todas as culturas, e do apoio que el quería dar aos que hoxe constrúen a soberanía dos pobos americanos e o seu dereito a poñer en marcha modelos de desenvolvemento propios, endóxenos, á marxe e mesmo en contra do capitalismo depredador que oferta o Imperio coma única opción. Esa emoción, sentida como propia, é que a nos xustifica, dis. Seguramente. A mesma que sentimos nunha Asemblea Nacional do BNG cando unha moza kurda, representante do PKK, subira ao estrado para pedirnos que non esquencésemos o seu pequeno pobo e defendésemos a súa causa das mentiras e infamias que tiña que soportar. Esa emoción como unha bágoa inesperada, coma unha canción que te posúe. A mesma que sentimos cada vez que nos conmove unha voz -teña o acento que teña, fale na lingua que fale- coas palabras que nos fan humanos e sentimos que, acertemos ou non, estamos do único lado do que merece a pena estar. Esa emoción que nos conecta coa vida, que nos lembra de onde vimos, que nos fai saber quen somos.



Zizek na Roda Viva

Sempre é interesante cuestionar e cuestionarse da man de pensadores coma S. Zizek, suxestivos e críticos. Deixo un anaco dun programa de televisión no que aborda temas que me parecen especialmente relevantes neste momento.

terça-feira, 10 de novembro de 2009

As (imprescindíbeis) voces do envés

Que otros se jacten de las páginas que han escrito; a mi me enorgullecen las que he leído. Unha amiga que ten o bo costume de agasallarme palabras envíame a frase de Borges nun seu correo. E penso que ten razón. Se para algo me serviu este blog foi para ler a outros, para aprender, compartir, indignarme ou marabillarme con outros. Para seguir metodicamente algunhas voces de xornalistas ( Fran P. Lorenzo, M. Jabois, X.M. Pereiro, M. Rivas) e políticos (Anxo Guerreiro, Francisco Rodríguez) cada día máis necesarias. Para atender con interese ás análises de Félix Sória e Fermín Bouza, e gozar da intelixencia, o humor e o rigor de Suso Fdez. Acevedo. Para engancharme das lándoas de Arturo Casas, un espazo de análise realmente diferente, que unía capacidade crítica con valentía para dicir, mérito nada menor nun panorama intelectual de noso que ás veces se mostra domesticado, intereseiro e pusilánime demais. Houbo outras voces, por suposto, pero foron estas as que máis a cotío empurrou o vento cara esta ribeira do Cantábrico. Foron iso: aire para respirar, osíxeno en tempos tóxicos e escuros. Dá gusto lelos e difundilos, ver nas súas palabras espellado aquilo que nós pensamos e queremos transmitir, reparar en luces e sombras que os focos oficiais difuminan ou ocultan. Beizón a todos eles, por seguirmos xuntos na defensa da alegría.







Desenchufando

Cómeme a galbana o corpo -digo galbana e diante de min está Dela, sorrindo, fechando os ollos co riso- en baixando San Pedro, á beira dun conductor de autobús co dia revirado. Anoto no aire coa mirada: marcho para o outono mariñao, a perfumar as horas de silencios, de verde, de músicas por descubrir. E a galbana que me come pesa coma roupa mollada.

Veño pensando desde hai semanas en pechar o blog. Cada día son menos as forzas para dicir algo novo, cada vez máis as ganas de calar a boca destes posts e dedicarme á folganza, ao estudo, a ler aos demais. Este blog naceu para servir: para servir a unha causa e para intervir socialmente, na medida humilde en que for posíbel. Despois chegou a literatura, ás veces, mais sempre como consecuencia. O obxectivo ficou claro desde o comezo: erguer o ánimo diante da derrota -víase vir naqueles días fatídicos- que para o país supuxeron as eleicións galegas de marzo. Digo para o país porque, á marxe das consecuencias que tivo para o BNG e o PSOE, o fundamental para min foi constatar a vitoria dos poderes fácticos reais, do seu núcleo profundamente antigalego e da estratexia por eles perpetrada. Tocaba pois erguer o ánimo, reivindicar os acertos, dar a batalla das ideas, axudármonos os uns aos outros na propia clarificación e análise do acontecido.

A seguir veu a lingua, a batalla da lingua. Emparentada, inseparábel, da dos medios de comunicación e da da cultura política da nosa sociedade. Tamén nela cumpría asumir que estabamos en guerra pero había que reflexionar. E fíxose, pluralmente, abertamente, e penso que con acertos importantes. Hoxe o conto mudou de xeito cualitativo, e o discurso primeiro na contra, reactivo, volvémolo discurso propio e a favor. Non se podía engañar a todo o mundo durante tanto tempo, e felizmente soubemos axir diante da mentira e da fóbia contra o noso.

Hoxe cómpre non baixar os brazos, non caír na preguiza. Escribín nun dos últimos post: existe unha grande parte da sociedade galega que se mostra quen "de superar o individualismo, o nihilismo, o descrimento, o cinismo paralizante. Existe unha amplísima porcentaxe de galegos que actúan, na Galiza deste tempo, con consciencia, enerxía e responsabilidade cívica. É unha magnífica noticia o espertar e a activación dese amplo espazo social esixente e crítico, capaz de reclamar os seus dereitos e de axir socialmente sen servilismos e sen medos fronte aos diversos poderes. E éo porque o grande problema da sociedade galega, o seu talón de Aquiles, veu sendo xustamente a súa desvertebración, a súa atomización, a súa falta de autoestima e de intercomunicación. Acabar coa fraxilidade das (boas) práticas sociais, colectivas e articuladoras, permitirá que a sociedade galega sexa máis consciente e menos manipulábel. " Cada día estou máis convencido destas palabras, e da necesidade de que, a xeito de profecía autocumprida, as mastiguemos e remoamos até facelas verdade.

Fomos o boxeador atordoado polo golpe -dereitazo na queixada- que nos deu o inimigo, poderoso e amalgamado coma poucas veces antes. As consecuencias, gravísimas polo que supoñen de fracaso histórico e de imposibilidade de manter o país nun camiño de mudanzas sociais profundas, estamos a velas e a padecelas. Elas son, tamén, a mellor proba de que non dá igual, de que o pouco defendido bipartito si tentou cambios positivos e reais e de que o nacionalismo foi e é -con erros, si, mais tamén con lealdade e confianza no país- o motor dun proceso que nos pon na dirección da autoestima e do benestar. Fomos ese boxeador, si, mais xa nos erguemos da lona e volvemos encarar ao inimigo, desde a esquina da dignidade.

quinta-feira, 5 de novembro de 2009

Novembro

Pasou a Oktoberfest na Galiza, que amigos varios das beiras do Lérez festexaron en tempo e forma, como corresponde e aconsellan os bos seareiros da arte gozadora da cervexa. Eu, que non puiden achegarme ao sur, fixen o propio cos meus, polo norte cantábrico de Cortezón e Gamallo Fierros. Do Kursal ao Recuncho en idas e voltas, a Guiness foi debuxando marcas de escuma na noite e na conversa. A semana continuou felizmente nordestina. Chuviosa, morna e mindoniense/ribadense, ou sexa: anterga, culta, decadente e señorita. Gústame a miña terra. Polos regos das pedras relaron as horas cunqueirianas, laicas e firmes con Leiras Pulpeiro, evocadoras da nación negada con Veiga, na Alborada. Daquí de Santiago o mundo vese doutra forma, e penso que se ve mal. Non ha ser culpa nin do sitio nin da xente, seguramente sexa a falta de horizonte, ou de perspectiva. Dun recuncho do norte, nunha esquina, mírase mellor e vese todo. Non sei, parécemo a min. Agora miro pola fiestra e penso que o inverno está detrás dos edificios, das igrexas, das torres deste novembro adurmiñado. E apetece que veña, a verdade, para baixar a Xesta e ollar o val nevado, para subir o colo do xersei e quecer co bafo do alento propio, para ir no coche a Reinante a ver o mar, que segue alí.