17-26



Levo días pensando agasallos para nove anos. Sinto superada a brétema confusa da nostalxia do que fun e podo vivir, novamente, o presente sendo eu. Tiven medo de ser revólver, cabeleira prisión de estrelas vermellas, xerfa, remol cara un pasado poderoso inzado de amores, lúas e desafectos. Velaquí, porén, que a esperanza morre para darnos a paz e renace, morta a dor que alimentaba, sorpresiva en agasallo que nos penetra a lingua e pon nela as tres letras do teu nome capicúa. Era San Roque e tremeu a terra nos teus ollos, cando nas gándaras molladas da beira norte medraba o verán até estoupar en rebeldía. Sempre é inocente, mais impura, a rebeldía. Houbo testemuñas e o ceu encarnábase de rosas, con mojitos e poemas e sal mariña nos sorrisos da túa pel. Hoxe mírate e rompe nunha festa de area, longa, onde comban as tardes nas beiras de Cavanardá. E ha de haber casa e acougo e vidas novas. O triunfo, compañeira, é unha falacia. Camiñar, crear, sermos xuntos, é o único importante. Colle esta flor e respira este abrazo -revive o que queiras / que eu monto a garda- no primeiro bico do mar de Porcillán.

2 comentários:

  1. Un resultado holgado.
    Y fuera de casa.
    Meus parabens.

    ResponderExcluir

Comentarios