A política lingüística, na encrucillada


Cando se parte dunha mentira tan cínica e evidente como foi a articulada -co apoio do PP e de pequenos grupos estremistas- por grupos mediáticos madrileños sobre a "imposición do galego" é lóxico que agora, cando Feijoo ten que gobernar para todos, xurdan problemas para nomear ao encargado de comerse o marrón, tal e como hoxe informa Xornal de Galicia. Non o vai ter fácil a persoa que finalmente acepte o cargo se de verdade ten a mínima vontade de desenvolver políticas públicas que favorezan o proceso de normalización social do galego. Non o vai ter fácil de ser así, e menos aínda no caso contrario, porque de optar finalmente o PP por alguén de liña ideolóxica integrista e antigalega é posíbel que o PP consiga xustamente o que non quere: reactivar un amplo movemento social de resposta a prol dun modelo que favoreza a convivencia lingüística, a igualdade real das dúas linguas oficiais e a posta en marcha dunha verdadeira política de normalización social da nosa lingua.


Sexa como for, e á marxe dos pasos que vaia dando o Goberno galego neste ámbito, continúo a pensar que desde o campo do nacionalismo cómpre unha análise fonda sobre os porqués do relativo éxito do discurso dos ultras contrarios ao galego. Unha análise que repare na necesidade de xerar novas ideas forza que sexan a base de estratexias dirixidas a ampliar o campo social dos que queremos -e estamos dispostos a esixilo de forma activa- a plena normalización do galego e a total igualdade de dereitos e deberes co castelán. Entre elas, salientaría:


1. A lingua como cuestión social. Desfiloloxicemos o discurso. Falemos de valores e de sociedade. Expliquemos a necesidade de normalizar o galego e de regular e desenvolver medidas correctoras a prol da nosa lingua en base á necesidade de avanzar na igualdade, garantir a convivencia e facer posíbel a liberdade de escolla (que non existe sen coñecemento previo e real). Non podemos ficar quedos ou impotentes mentres observamos a apropiación indebida que os colectivos contrarios ao noso idioma fixeron -con certo éxito nas capas urbanas, as máis influídas polos medios- de conceptos socialmente positivos dos que nós deberiamos ter sabido facer bandeira. Incluamos no noso discurso aos castelanfalantes, dirixámonos tamén a eles. Teñen un papel fundamental a xogar nesta cuestión. Fronte ao guerracivilismo e a separación lingüística, reivindiquemos a convivencia, a igualdade e a defensa da diversidade.


2. Actuemos con humildade. Rematouse o papel profesoral, a reclusión nos datos científicos, a negativa a rebaixarse e a contrapoñerse cos "negacionistas " do idioma. Gañamos na academia, si, pero corremos o risco de estar perdendo na rúa. O discurso explicativo dos porqués da xustiza de normalizar o galego non chegan á xente, os contrarios si. Claro, o papel dos medios! Pois se o sabemos actúemos en consecuencia. Ana Iglesias (Falar galego: no veo por que) demostrou o dano que nos fixo aquela broma conceptual do bilingüísmo harmónico; agora pode ser peor de seguirmos subestimando aos inimigos da lingua.


3. Estratexias e obxectivos. Algunhas notas rápidas que me veñen á cabeza mentres escribo.
- Deámoslle a volta á cínica victimización que practicaron os grupos extremistas contrarios ao galego: denunciemos de forma eficaz cada un dos casos de desigualdade, marxinación, etc que sofren as persoas galegofalantes na sociedade. Posicionemos ao respecto aos castelanfalantes.
- Comuniquemos ben o que queremos. A nivel individual, garantir a competencia real e plena de todos os nenos e nenas en galego e en castelán ao final do ciclo educativo. Coñecemento tamén dun terceiro idioma. Ensino de calidade. A nivel social, igualdade plena de dereitos e deberes entre galego e castelán no ámbito público. No privado, medidas e regulacións desde o público que favorezan a correción das desigualdades existentes. Como galegofalante, quero ver cinema, escoitar música, ler revistas e xornais, facer a compra, casar, mercar un piso, ser atendido nun restaurante, etc en galego.

- Definamos ámbitos de actuación e políticas propias (seguramente tamén organismos) para cada un deles: o campo da observación e da denuncia, o das propostas e avances concretos, o da seducción e socialización dun discurso positivo.



Um comentário:

  1. Desde as terras de Miranda que vos levaron o tren a Ribadeo a comezos do S XX parabéns polo artigo. Falas ben.

    ResponderExcluir

Comentarios