A primeira


Mentres algúns xornalistas, hooligans, políticos e medios de Madrid tratan de sacar tallada do morbo, fomentan o guerracivilismo e denuncian demagoxicamente a mestura de fútbol e política (por que defender que haxa selección galega é facer política e negar esa posibilidade non o é?) apetece quedar co fútbol a secas, coa nova exhibición de xogo do Barcelona e coa paixón, entrega e fidelidade da afición do Athletic ao seu equipo e á súa forma de entender este deporte. Recoñezo que non as tiña todas comigo; como magnificamente explica Ramón Besa en El País, semellaba que os vascos pouco menos que ían a Valencia a recoller a copa, desprezada polo barcelonismo e polos propios xogadores. O gol inicial de Toquero confirmaba o mal agoiro. Pero como sempre nesta temporada volveu dar a cara o Barça. Desta volta foi da man das indicacións de Guardiola para abrir máis o campo e da sorte -calidade e potencia, si, pero tamén moita sorte- no golazo do empate de Touré Yaya. Os xogadores decidiron demostrar que non chegaran á final para perdela, e que querían empezar co título da Copa do Rei a súa semana máxica, a que os pode levar á gloria e á historia. Comezaron a mover o balón con toque e velocidade, fieis ao seu estilo, e o partido derivou cada vez máis nunha nova versión da goleada contra o Madrid. Foron catro, mais de non ser por un Eto´o en alarmante baixa forma (pódelle a ansiedade, quizais?) acabarían sendo seis ou sete ou oito. Cun xogo preciosista do que participaron Busquets (moi bo presente e grande futuro), Bojan (con calidade pero sen consistencia, corre o risco de acabar sendo un novo Saviola) , Sylvinho (sempre exemplar no seu comportamento para co equipo) e mesmo uns poucos minutos o bielorruso Hleb (calidade sen sorte, polo momento). O máis importante, en calquera caso, é que chegou o primeiro título, e con el certa tranquilidade e satisfacción, que sumadas á previsíbel conquista da Liga este domingo prepararán ao equipo animicamente para a final de Roma contra o Manchester. Podemos estar diante dunha semana histórica para o barcelonismo e para o fútbol. E, en calquera caso, con títulos ou sen eles, estamos xa diante dun equipo que está facendo historia coa súa forma de xogar.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios