Falando enténdese a xente

Os que pasades de cando en vez por esta ribeira de laxes e vento norte que se chama Cavanardá sabedes da miña posición no tema da(s) lingua(s). Resúmese, basicamente, na necesidade de sacalas do debate político no que de xeito infame e eleitoralista as meteron no seu día o PP , a dereita mediática e pequenos colectivos extremistas, para devolvelas ás persoas. Porque as linguas son, antes ca nada, ferramentas para nos comunicar e nos entender, e pertencen aos seus falantes, non a ningún colectivo, partido político ou grupo mediático.

Lonxe deste plantexamento, a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, que xa fixo pública a súa disposición a segregar aos alumnos e alumnas por linguas e mesmo por sexos, comezou hoxe a enviar unha enquisa coa que pretende realizar unha consulta nos centros educativos en relación co uso do galego. Con esta consulta, que foi deseñada á marxe da comunidade educativa, que resulta carente de rigor na metodoloxía de distribución e procesamento de datos e que non ofrece garantías para a intimidade das persoas, todo indica que se vai crear unha polémica interesada e unha tensión innecesaria nos centros de ensino e na propia sociedade galega.

Unha consulta trampa

Pero é que, ademais, despois de analizada, a consulta só pode ser cualificada de consulta-trampa: tal e como están enunciadas nela as preguntas, todo o máis que poderían demandar os sectores favorábeis ao galego no ensino sería que se mantivese o galego como lingua na que se imparten as materias troncais. En ningún caso se pregunta ás familias se serían partidarias de que o conxunto das materias, e non só as troncais, se impartisen en galego. Isto significa que, coa enquisa, os sectores favorábeis á españolización do ensino si poden conseguir avances a respecto da situación actual -reducir a presenza do galego nas troncais-, mentres que aqueles que son partidarios de avanzar na galeguización só poden aspirar a que, como moito, se manteña o actual statu quo, que vén consagrado precisamente polo decreto que o Goberno anunciou que vai derrogar. Xa que logo, coa consulta que desde hoxe pon en marcha o PP desde a Xunta de Galicia non se pretende máis que dotar ao Goberno, polo tanto, dunha coartada para xustificar unha política partidista tracexada xa de antemán: o resultado do inquérito está predeterminado e terá como desenlace a derrogación do decreto sobre o uso do galego do ensino.

Os puntos sobre os is

Diante destas circunstancias especialmente graves para a convivencia, os dereitos e a calidade democrática da nosa sociedade, cómpre poñer en claro -para que se saiban e poidan ser argumentados e difundidos- algúns puntos fundamentais:

1. O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade de todas as forzas políticas con representación no Parlamento Galego en 2004 (PP, PSOE e BNG), é un punto de encontro na definición dos obxectivos para o ámbito educativo. O Decreto 124/2007, de 28 de xuño, recolle este acordo do Parlamento Galego dándolle carácter normativo e a súa legalidade foi avalada por varias sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Esta norma pretende garantir unha competencia similar en galego e en castelán. O PP decidiu no seu día afastarse deste consenso existente sobre o galego, anunciou en campaña a derrogación do decreto e xa no actual Goberno da Xunta reiterou esa intención.

2. O obxectivo de que ao remate do ensino obrigatorio os nenos e as nenas sexan plenamente competentes nas dúas linguas oficiais non pode conseguirse con menos do 50% das materias impartidas en galego. Coa enquisa que se envía ao centros o mantemento desta porcentaxe só se garantiría marcando a resposta “en galego” ou “todo en galego”, pois esta opción non fai referencia á totalidade do ensino, senón soamente ás materias que habería que impartir hoxe en galego –o 50%-, xa que a enquisa non recolle a opción de que todas as materias agás as linguas, poidan ser impartidas en galego.

3. A situación actual é que o idioma que debería unirnos está sendo utilizado para separarnos nunha loita na que algunha xente busca a desaparición da nosa lingua do sistema educativo. Neste contexto, e ante a enquisa que vai realizar a Xunta, é necesario que os pais e nais lle fagan saber á Consellería de Educación algo que parece do máis lóxico: que queremos que os nosos fillos e fillas dominen as dúas linguas e que, por tanto, o galego sexa tamén lingua da aprendizaxe.

4. Todos os pedagogos e especialistas en adquisición de linguas (Cummins, I. Vila, C. Baker...) demostran nos seus estudos que é máis fácil aprender unha nova lingua partindo doutras. Canto máis temperá é a introdución de novas linguas mellor se consolidan. Se un alumno aprende nunha lingua poderá transferir os coñecementos a calquera outra (se aprende matemáticas en galego, poderá utilizar os seus coñecementos matemáticos en calquera outra lingua).

Proposta final

Por todas as consideracións anteriores, que foron extraídas case que literalmente de textos e documentos elaborados por organizacións e colectivos preocupados pola defensa dun modelo de ensino que garanta a convivencia e a plena competencia do alumnado nos dous idiomas de Galiza, en Cavanardá apoiamos as seguintes propostas, coa idea de transmitilas a todos os pais e nais aos que lles chegue a devandita enquisa:

a) Marcar a opción “galego” (en Infantil e FP) e “todo en galego” (en Primaria e Secundaria), porque desta maneira estaremos a indicar que queremos en galego as materias que hoxe se deben impartir na nosa lingua, tal e como indica o decreto en vigor. Non significaría, por tanto, que optemos por todo o ensino en galego, pois esta opción non se considera.

b) Incluír no apartado de observacións da enquisa algún tipo de petición semellante á que expresamos a continuación:

En Galicia temos dúas linguas e o sistema educativo debe conseguir que se dominen as dúas. A escola ten que garantir que os nenos/as saiban por igual galego e castelán. Hoxe en día, para moitos nenos/as a escola é o único lugar no que conviven co galego. Por iso, xa que o galego precisa espazos de uso, é fundamental que, cando menos, a metade das materias se impartan no noso idioma. Porque, todos estamos de acordo, as linguas apréndense usándoas. Por todo o devandito, estou a favor da aplicación do decreto actual de promoción e uso do galego no ensino, realizado co consenso da comunidade educativa e que emana do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento Galego. Por outro lado, o feito de que nesta enquisa non se dea posibilidade de que o ensino sexa maioritariamente en galego converte esta enquisa nunha enquisa-trampa, e fai que os resultados da mesma non me parezan lexítimos.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios