Quins ou Queens

Interésame -e gozo- a música de Emilio José. Interésame tamén o seu discurso, a súa convicción á hora de mudar o que o noso conselleiro de Cultura vería como unha debilidade limitadora -ser e vivir na aldea- nun dos alicerces da súa actividade creativa, nunha das súas fortalezas. Desde a aldea ourensá de Quins, desde esa certa distancia cos centros de poder e de produción dos discursos culturais, Emilio José actúa coma un francotirador libre e cabreado, apoiado no peitoril da súa ampla cultura musical, poñendo en valor a súa absoluta liberdade creativa, falando do seu entorno coma outros falan de Queens, do Soho ou de Barcelona. Non sei se se verá limitado, ensimesmado ou acomplexado por empregar o galego con normalidade e por facer a música que fai desde onde a fai. Todo indica o contrario: a súa posición non asume nin interioriza a mirada que despreza a condición de noso. É xustamente desde ela, en troques, que aposta por falar e por construír cancións. A partir do amor, da dor, das feridas e contradicións que padece / padecemos, mirándose cos ollos propios. O resultado, como xa dixemos, Chorando apréndese (Foehn, 2009), considerado pola crítica especializada un dos discos do ano a nivel estatal, a pesar de todos os atrancos que a música en galego padece por ese feito. (Son, por certo, eses atrancos -sábeno ben as nosas empresas culturais e os nosos artistas- aos que unha Consellaría de Cultura responsábel e digna de tal nome debera atender e procurar eliminar, no canto de adicarse a botar terra enriba da calidade dos nosos creadores. Precisamos un goberno leal ao país, que confíe na nosa cultura e a apoie cara dentro e cara fóra, non unha quinta columna de acomplexados irresponsábeis).

Quizais como resposta inconsciente ao ruído ambiental, levo días refuxiado nas músicas galegas do meu Ipod. Boto as horas en remoer - sacodendo a galbana e o cansazo- con paixón entomolóxica cada canción, buscándolle as eivas que as mudan en provincianas e faltas de interese, que lexitiman a súa inexistencia nos nosos medios públicos, a súa invisibilidade nas plataformas mediáticas pagadas por todas e todos -tamén os e as galegofalantes-. Nesas foi que volvín a Emilio José, e con el aos Ataque Escampe, Noise Project, Hanom Ausse, Malandrómeda. Téñoos máis que escoitados e, porén, precisei volver a eles, contrastalos comigo, poñelos face a face coa realidade (ambiental) que nos invade, esa que anda debatendo -asómbrense!- o noso acomplexamento, o noso ensimesmamento, as limitacións propias da nosa cultura. É tanto como dicir, xaora, o autoodio, a colonización, a dominación simbólica que embafa os óculos cos que vemos e nos vemos, os prexuízos propios e alleos proxectados no espello deforme dos medios do país. É tanto como pensar, tristemente, que desde Meaño non se ve o mundo, que Meaño non é mundo, que o mundo non pasa -e non se crea tamén- por e desde alí. Tanto como afirmar -sen sequer medrar un calor quentiño nas fazulas, avermelladas, sen sequer esa mostra de íntima consciencia- que se é cosmopolita por ter vivido en Nova Iorque. Proben os leitores a facelo, a contrastárense na calidade dos nosos artistas, e díganme despois o resultado. Dos que eu nomeei aquí, créanme, só tiro interese, gozo, fascinación.

Lonxe de nós o chauvinismo, o é bo por ser galego, a curteza de miras -esa si- limitadora. Mais igual de lonxe tamén -e aínda máis para alá, que levamos séculos deitados só para ese lado- a falta de autoestima, a sobredose de prexuízos para co propio. En galego, señor conselleiro Varela, señor conselleiro Jesús Vázquez, desde Quins e desde Queens estamos no mundo. Oxalá houber algunha pescantina das Rías Baixas que lles aprendese, nunha horiña afortunada, a relar sen medo nos prexuízos que os atoan coma ela esmiúza con arte no peixe da ribeira. Seguiremos.

Ataque Escampe - Europa e o ballet from mopalmact on Vimeo.



Proposta de BSO para este post:

Emilio José (Antigua)
Malandrómeda (Festa malandrómica)
Noise Project (A madalena)
Fanny & Alexander (Toda esa enerxía escura)
Narf (Galician Lullaby)
Safari Orquestra (Distancia)
Machina (Todo o que non temos)
Nadadora (O noso espazo)
Ataque Escampe (A abordaxe final)

2 comentários:

  1. estame a pasar isa mesma enfermidade de xeito natural nas músicas do país , a iste páso calquer día nos chaman á porta para fusilarnos....

    ResponderExcluir
  2. estame a pasar isa mesma enfermidade "de refuxiarme"....

    ResponderExcluir

Comentarios