FW/RW

Deitado na cama, cara a ventá, agardabas paciente coa man no radiocassete, o polgar enriba do REC, mentres fóra chovía. Soíamos meter -lembras?- anaquiños de papel no seguro das TDK, despois xa se poñía o adhesivo por riba. Para gravar e regravar, ás catro da tarde. Houbo meses en que só soaba Nirvana, ao vivo polo mundo. Aínda me vexo, escoitando apoiado na almofada dobrada e lápis e papel ao lado. Hoxe podería sentir de novo o arrepío? Frances Farmer will have her revenge on Seattle, On a plain, Negative Creep. En Ribadeo non pechara o Cafetal, e Chami e máis eu xogabamos por veces a sentirnos maiores. Cervexas, bocata, Eric Clapton. Dentro do mostrador, a camisola d´Os Resentidos. Debíamos ter quince anos, dezaseis, e as miñas tardes de sábado eran cintas gravadas e regravadas con cancións de Radio 3. Fantástica Radio 3, desde logo, mais tamén Nacional de España. Seguramente por iso tardei dous anos aínda en saber de Ama Say, Ruper Ordorika, Negu Gorriak, e non fora pola radio. Pola semana, antes e despois de cada adestramento de baloncesto, era momento de intercambio. Stone Temple Pilots, Soundgarden, Alice in Chains, Pearl Jam, ... algún exquisito mesmo sabía de Mudhoney. Aos poucos meses, xa non lembro moi ben nin como, deran en soar por toda a parte semipunkis melódicos e herbas similares. O nadal, tan propicio para os alternativos coma para o resto, achegáraos xuntiños nun compilatorio en dous cedés -Vertigo- que aínda me fai sorrir con nostalxia e horror cando aparece e saúda, en cada unha das periódicas e gozosas reordenacións dos meus discos. Con eles as vellas Factory e RDL. A grande e imperial pérfida Albión -Stone Roses, Oasis, The Clash, The Smiths, Beatles, Rolling Stones, The Jam, ...- chegou a min e ás terras de orixe pouco máis tarde, cando xa Compostela andaba na cabeza. Hoxe, coma onte, seguimos fuxindo ás músicas posíbeis para habitarmos o que fomos ou volver ás caras e lugares coñecidos. Nada máis evocador e, ao tempo, ningunha navalla tan fermosa e ferinte. Nese fulgor respiramos a saudade do vivido, árdennos os ollos, medra o calor da mirada na recreación daquilo que un día quixemos ser.


4 comentários:

  1. joder Xavier, vasme facer chorar coa saudade ;)

    ResponderExcluir
  2. Sen nostalxias, meu: http://ruidodemusas.blogspot.com/2008/01/cintas.html

    ResponderExcluir
  3. Cando me acordo do instituto, sempre chove nas imaxes(e non é unha metáfora). Ata que cambiei de coche hai un par de meses aínda levaba unha TDK de 90 cunha selección de baladas (a enésima, a definitiva ata a seguinte).

    ResponderExcluir
  4. Olá Noel, xa ves, andamos atrapados na melancolía, si, ... onte aínda fixen unha compra interesante de series medias e volveron os noventa e o instituto á cabeciña...

    Lif, fantástica a entrada -coma todas - do teu Ruído de Musas.Graciñas por pasares por Cavanardá.

    Chami, aquela cinta TDK túa seina de memoria, se é a que penso. Lembro noites no piso de segundo de carreira, en Vista Alegre, antes dun exame, e a cinta sen deixar de soar. Evidentemente o exame non nos chegara a ver as caras.

    ResponderExcluir

Comentarios