Construír a esperanza
Non se gastaron as palabras, mais xa non chegan as forzas nin temos os folgos precisos para a batalla dos días. No mapa do cotiá vence o ruído sobre a razón, a alternancia dos xémeos disfrazada de pluralismo, o espectáculo secuestrando a praza pública. Medrou o temor ás verdades, ás ilusións, ao entusiasmo. Medrou o muro da chanza e da vergoña contra as loitas profundas que sinalan co dedo, contra as palabras faladas desde a intempérie, contra as esperanzas colectivas que paga a pena construír. Perdemos, ou iso semella. E gaña terreo nos ollos o cinismo, o descrimento, a ironía por igual contra os pobres dos desiguais. Gaña o baleiro, a indignidade: para non complicarnos, negámonos a ver o que temos diante dos ollos. Gaña o eu e perdemos todos. Vivimos na felicidade obrigatoria do consumo; a tristeza, a enfermidade, a diferencia, están prohibidas no noso centro comercial. Dámos bendición diaria á rendición dos soños, dos relatos que explican o mundo e o queren mudar para facelo máis humano. O como é sinxelo e levámolo dentro: rimos do nós, escribimos no óstrakon do silencio o nome dos augafestas. Hai un aceno paternalista, de certa superioridade, que se debuxa na comisura dos beizos e nos posúe. Libres e fermosos, futbolistas e modelos, homes e mulleres de ben, sómolo desexando sempre o que non temos -mais podemos quizais mercar-. Nunca vai ser suficiente pero seguimos na roda.
Medrou o desalento, a certeza da dimensión do inimigo, e porén non perdemos as gañas de seguir. Cómpre xuntar sorrisos para a fábrica das luces e dos soños. Porque -dá vergoña ter que dicilo- aínda non perdemos a capacidade de empatía, de poñernos na pel dos outros, de sentir en nós o que acontece aos demais, de querer festexar e compartir, de sentirnos humanos, de rachar a soidade e o individualismo que nos secuestra. Cómpre querer saber, esforzarse, limpar a mirada, desaprender. Xuntar nunha flor de encontros a raiba e os desexos, para abrirmos xuntos depósitos de esperanzas. Polos que foron antes e serán despois, de certo, da estirpe vermella dos bos e xenerosos. Seguiremos, confiados, mancados de realidade. Ao outro lado do mar ha de haber un futuro diferente e mellor.
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Comentarios