A cuestión da dimensión económica da cultura resulta ás veces espiñenta na tradición da esquerda. Convén, penso, clarificarmos algúns conceptos, desfacer confusións moi estendidas e non cairmos en maniqueismos e prexuízos. Un país coma o noso precisa dun sector cultural privado solvente, que sexa quen de achegar o talento dos nosos creadores aos diferentes públicos e mercados. Interésanos ter estruturas profesionalizadas que xeren emprego e riqueza, e que produzan cultura desde aquí, sen complexos, en galego. O contrario será asumir un rol pasivo, de simples receptores da ideoloxía que nos venden as grandes industrias do lecer norteamericanas. No cinema, na televisión, na música, na Rede, nos novos soportes de acceso aos bens e produtos culturais, o galego e a cultura galega teñen que estar presentes, e para garantilo é necesaria a intervención pública e a súa colaboración coa iniciativa privada. Nós queremos iso: ser, existir, producir. Para estar no mundo e ofrecer aos demais o que somos. Por iso creamos, na lexislatura pasada, a AGADIC. E por iso quixemos facer visíbel a produción cultural galega, a través do Culturgal e doutras iniciativas nese sentido. Aquí unha reflexión miña ao respecto, a primeira de tres.
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Comentarios