Hipocresia

1. Na prisión de Salé, perto de Rabat, cinco presos políticos saharauis levan case un mes en folga de fame, en protesta pola falta de liberdades que practica Marrocos contra o pobo do Sáhara. Seguindo o seu exemplo, outros 36 presos políticos saharauís decidiron secundar a folga de fame co obxectivo de denunciar as torturas e o trato inhumano que padecen nos cárceres do país de Mohamed VI, monarca que goza da amizade persoal do Rei de España, Juan Carlos I.

2. Ese mesmo país, Marrocos, obrigou a exiliarse a varios xornalistas críticos co goberno de Mohamed VI. Durante os últimos anos foron pechadas por orde gubernamental diversos xornais e publicacións (Le Journal, As Sahifa, Demain, ...). O director do semanario Al Michaal foi condenado en 2009 a un ano de cárcere por publicar un artigo sobre a saúde do monarca.

3. Nin PSOE nin PP denunciaron neste tempo a ausencia de liberdade de expresión en Marrocos nin reclamaron a conversión do reino alauí nun rexime democrático á europea. Marrocos non padece ningún bloqueo económico por parte de Estados Unidos, nin é obxecto de declaracións institucionais de condena por parte da Unión Europea. Como é de supoñer, nin o grupo PRISA (El País, SER, Cuatro, Canal +, ...) nin os grupos mediáticos da dereita e da ultradereita española tiveron nestes anos ningún interese en poñer en marcha ningunha campaña mediática con respecto a este país veciño do Estado español.

4. As prisións isrealitas están cheas de presos políticos palestinos. O director da Asociación de Prisioneiros Palestinos, Qaddura Fares, explicou ao xornal español Público que máis de 7000 presos decidiran comezar folgas de fame intermitentes co obxectivo de presionar ao Estado xudeu para que mellore as condicións de vida nos cárceres e poña fin ás vexacións físicas e humillacións psicolóxicas habituais.

5. En Colombia, país que decote se emprega por parte da dereita española e americana (inclúese neste concepto, obviamente, aos medios do grupo PRISA e os seus corresponsais e escribidores de Miami) como modelo de democracia en Latinoamérica o 30 % dos deputados e senadores teñen vínculos co narcotráfico ou cos paramilitares. Recentemente vén de se descobrer unha fosa común de 2000 persoas na cidade de La Macarena. A maior parte dos cadáveres correspóndense con líderes sindicalistas e militantes de esquerda desaparecidos nos últimos anos. A noticia do xenocidio non mereceu máis que o silencio informativo dos medios occidentais.

6. En Honduras houbo un golpe de Estado en 2009. O presidente democraticamente eleito, Manuel Zelaya, foi deposto do seu cargo a través da acción militar do Exército dese país. O Estado español e outros, despois dunha inicial oposición aos feitos, remataron por recoñecer co seu silencio e coa súa inacción diplomática o goberno hondureño actual, fillo do golpe de Estado e que, xa que logo, non pasou por ningún proceso democrático para ser escollido.

7. Existe Iraque e existe Estados Unidos. Existen Guantánamo, Abu Ghraib, Xosé Couso, os iraquís e os xornalistas de Reuters aos que puxo face wikileaks.

8. Nin a Unión Europea nin por suposto España ou Estados Unidos propuxeron bloquear economicamente ningún dos países devanditos (Israel, Colombia, Honduras, Estados Unidos). Ningún grupo mediático como Prisa converteu en liña editorial diaria a denuncia dos asasinatos, falta de liberdades ou ausencia de verdadeira democracia que evidencian os casos sinalados.

9. Existe España. Que tivo uns GAL, que pechou xornais, que retirou revistas dos quioscos, que presumiu de transición modélica e agora olla, facéndose cinicamente a sorprendida, a imposibilidade de xulgar os crimes do franquismo. Que exportou en 2009 a países "de risco" máis de 96 millóns de euros en armamento sen control sobre o seu uso final.

10. E ademais de todos os anteriores, si, existe tamén Cuba, cos seus erros e acertos, cos seus logros e contradicións. E existen Venezuela e Bolivia e Ecuador, con presidentes de esquerdas escollidos a través do método eleitoral multipartidista e con todas as garantías de limpeza e transparencia. Dos outros apenas se fala, apenas se coloca sobre eles a lupa inquisitorial dos demócratas de toda la vida. De Cuba, Venezuela e o resto de gobernos de esquerda en Latinoamérica, si. Eles son obxecto de campañas mediáticas, denuncias internacionais, peticións de "democratización". A lupa mediática deita neles o foco e intensifica a atención que nega para outros. Interesadamente, claro está.

Finalmente existimos nós, bastantes, cansos de tanta hipocresía.

"E a miña amizade con Cuba fíxose no mundo real, e non nese imaxinario construído neste paraíso da liberdade de expresión tutelado polos grupos de comunicación, que constrúen novas e practican se cadra ou pagan o golpismo mediático ao ditado das corporacións. Claro que son amigo de Cuba porque son amigo da vida, dos pobos que non dos individuos, das persoas que non dos intereses, dos dereitos que se exercen e non dos que só se recoñecen, da cultura como ben a socializar e non como pedantería erudita, da igualdade adversaria do igualitarismo, da liberdade que non do liberalismo."

Um comentário:

  1. Nada que objetar a su lista excepto que incurre en dos importantes omisiones: esa teocracia que encubre pederastas llamada El Vaticano
    y la muy izquierdista,poderosa y próspera gran nación de Corea del Norte.

    ResponderExcluir

Comentarios