Ribadeo

Ten perfume de aduana e corpo de mar aberto, e nos pasos que damos pisamos os que demos. No seu nome habitan os soños, a infancia, os bicos primeiros e as traizóns últimas, miserábeis. Tamén cada golpe, cada sorriso, cada conversa. Gardamos nunha caixa de mistos a chuvia que mollou o seu cabelo. E fomos nela, somos, as dúbidas coas que xa aprendemos a convivir, os golpes co balón na porta da Igrexa, a piedade de nós. Por baixo dos días pasa un río, por baixo do Campo de San Francisco, na procura da area de Cabanela e das noites que nos viron por dentro da muralla. Dóennos alí os erros propios, tantos, e as feridas alleas. Nas caras que nos delatan, o calor vermello da vergoña e o fulgor estremecido do abrazo honesto e leal. Apetece marchar sempre, para sempre voltar. Sabémonos dalí, gardamos en nós anacos da vida dos outros, estamos nas súas voces e espreitan os seus ollos as nosas fraquezas. Mais alí fomos, antes de máis, felices e inocentes, carne de festa no alento da primeira primavera. Estamos. Vivimos na volta da praza, na esquina do colexio, ás agochadas, correndo nas calellas ou bailando nas bocas que nos dixeron. No entanto o tempo pasa, le canto vivimos e adoita dicirnos que non quere escusas nin promesas. Chégalle con ver que nos damos un aceno de amor, unha palabra amábel, un pouco de rock na mirada.




Nota: descoñezo quen fixo o video, que collín do youtube. O tema musical é a Habaneira de Ribadeo, do disco Nordestin@s, unha xoia que debemos a Abe Rábade, Guadi Galego e Ugia Pedreira.

6 comentários:

  1. Fermoso texto e tamén fermoso vídeo, aínda que ao meu humilde ver faltan bastantes lugares emblemáticos e suxerentes de Ribadeo.
    Por certo,por se gostas: http://an-fianna.blogspot.com/2007/08/maria-de-lugo-por-mui-paradoxal-que.html

    ResponderExcluir
  2. Este texto arrasa máis do que o fixo a onda vital que lanzaches o sábapola noite no Recuncho. Aquello amañábase cun freixón máxico. Isto só o levanta un paseo e unhas cañas.

    ResponderExcluir
  3. A onda vital foi destrutiva, compañeiro Adrián, mais o mérito e a honra correspóndelle ao noso correlixionario Ricardo, que primeiro fixo de Son Gokuh e completou o momento pedíndolle a Toño Pikoro unha pinta de Guiness no toco ou "arraso con todo".

    Sobre o video, é certo que faltan moitas cousas, si. Collino no youtube e descoñezo quen é o autor. Aínda que a escolla de fotos é mellorábel, desde logo a parte musical foi un acerto total. Vou ver o limk que me recomendas.

    Apertas!

    ResponderExcluir
  4. Jean de Brissac la Motte4 de maio de 2010 às 09:33

    El Señor vino a buscarme en la villa de Ribadeo, pero yo tenía una cerveza a mano y me defendí.No es mal sitio para que te pasen todas estas cosas.
    En absoluto.

    ResponderExcluir
  5. Non sei se interpretar o texto como unha declaración de amor ou como un axuste de contas. En calquera caso, hate & love nos dedos do boxeador. A vida.

    ResponderExcluir
  6. ROCK NA MIRADA...unha metáfora perfecta para definir o recentemente falecido Efrén, mito absoluto do underground ribadense que consumíu a vida vendendo cupóns da ONDE ? estua del na rúa dos perigos xa!!

    ResponderExcluir

Comentarios