Benzón

Compartir a palabra e a amizade, o sorriso xeneroso, a ollada limpa. Volver á terra cando o verán percura unha certeza / no ritmo dos espazos, nun norte que vestimos de miradas e sorrisos, cómplices, de tempo roubado aos que rouban o tempo. Visitarmos na foto de Sarri o mar de Cunqueiro, Manuel Antonio, Seoane, O marinheiro de Pessoa. Atoparnos nas palabras e recoñecérmonos nas caras e os afectos. De Foz, de Mondoñedo, de Ribadeo, en baixando a Xesta. E falar, falar de todo até o cansazo feliz, para sabérmonos vivos e sabérmonos ben, gozando as descubertas , as conviccións, a memoria e os desexos. Dá gusto nas nosas conversas impugnar o cinismo, axir contra a vergoña, construír a esperanza. Dá gusto saber que estades, perto, tervos aí. E hai días, coma hoxe, nos que apetece dicilo.


Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios