Botámonos ao monte?



1. Durante anos e anos o argumento de combate contra o terrorismo de ETA e dos GRAPO era que "en democracia, todas as ideas se poden defender sempre que sexa sen violencia". Derivábase del, polo tanto, que un podía ser independentista (e poñer en cuestión a configuración nacional do Estado) ou comunista (e poñer en cuestión a condición capitalista do mesmo) sempre que o fose a través do método electoral. Sendo isto así, a maldade inhumana ou o amor á delincuencia dos terroristas ficaba aínda máis en evidencia para o conxunto da sociedade.

2. Ocorre, claro, que o argumento era falso, como xa sabiamos. Ninguén acredita que o Parlamento español admita a posibilidade de que Cataluña se independize nin aínda no caso de así o solicitar democraticamente o 80 % dos cataláns, nin tampouco que o grande capital vaia permitir nunca pacificamente ningunha transición cara o socialismo. Estas cuestións pódense pedir, claro, mais non se poden exercer. Nesa trampa están os límites da democracia.

3. Os que non sabían destas limitacións do réxime bipartidista descubríronas nas últimas semanas. Decatáronse de que, si, era certo, PP e PSOE facían a mesma política económica porque...eles, no fondo, non mandan. Votamos a partidos e gobernan os mercados. E os mercados -o grande capital- xa decidira que, ben mirado, era mellor que a crise a pagásemos os cidadáns, ti e máis eu e aquel que vén por alí.

4. O novidoso do caso, pois, non é a evidencia de que a democracia española non o é tanto. A novidade radica en que o ex-presidente Jose María Aznar vén de cruzar, unha vez máis, a liña do politicamente correcto para atreverse a dicir o que todos pensan e poucos din nese partido único de centralismo financieirocrático que é o PPSOE: "No todas las ideas son legítimas en democracia aunque se expresen al margen de la violencia". Acabáramos!

5. A Aznar debemos agradecerlle, antes de máis, a sinceridade. Quedáronlle por responder, con todo, dúas cuestións. A primeira, quen vai decidir (el? o Supremo? a Falange? os que procesan a Garzón? os que pechan xornais? ) a quen se lle concederá o carné de demócrata e a quen non. A segunda, se por métodos non violentos centos de milleiros de persoas no Estado español non podemos aspirar a conseguir as nosas lexítimas aspiracións -aínda no caso de que fosen socialmente moi maioritarias- que nos queda? Convídanos o señor Aznar, acaso, a botarnos ao monte?

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios