Ser dun país que non existe

e dunha terra que foxe dos mapas, na liña que confronta, que pon os ollos nos ollos de quen nos nega e lle canta até velo esmaciar. En Patria río hai que chega a ser chamado Eu, ou qué. A dureza dos días rompe en lágrima de tanta dignidade, de tanto impugnar o noxo e proclamar a beleza, cando o corpo pide armarse. En baixando a Xesta, si, na ida e volta do avós, na sombra das palmeiras, na parte de atrás das boticas, na letra vermella das imprensas, na descuberta da voz que nos di e nos fai parte do mundo. Desde a Órrea e Galegos ao Barqueiro pra aquén de Espasante, Cunqueiro atravesado na lingua, Vilar Ponte na vontade de ser povo, colectivamente, de noso. O que doe é a certeza e a esperanza, o que doe é sabérmolo. Non doe loitar por conseguilo. Non cansan a xustiza, a beleza, o pan, e si a fame. Para facermos habitábel este tempo construimos a república do norte do alén. Coas mans, co paso dos anos, pousamos os marcos nas praias que abren a rasa e deitamos a mirada nos peiraos, desde o alto da Frouxeira. Señorea ela as vilas e debuxa os camiños coma regueiros ou vías de fuxida, cara as fronteiras, no envés dos espellos. Coñecémonos ao mirarnos, ao darnos o chucho cos ollos cómplices, chamando a resistir sen termos que dicilo. A resistir, a resistir, aguantaremos desde a unión, diremos Rinlo, Santa Cilla, Cavanardá, Mini e Mero, bacallau. Mirarémoste e mirarasnos, e saberemos que ti tamén es dos nosos. Nun ritmo de habaneira, nas festas dos mariñeiros, nos regos de Hernán abertos no lombo deste norte que nos chama, no agrarismo que inzou as sementes de futuro. Foi vernos en eido dourado a estender a man, diversos, contraditorios mesmo, e afirmar novamente o valor da loita política compartida, dos espazos de encontro, da cultura social da esquerda e da unidade popular. Saúde e Pátria, compañeir@s!

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios