O xogador ou a peza?

Que difícil manter a calma cando tanta violencia nos arrodea. Digo violencia, cotiá, filla do espectáculo, da alienación: a crise capitalista pagada por todos, a manipulación informativa contra os traballadores, a dose diaria de adoctrinamento invisíbel contra as identidades e as culturas non hexemónicas, a substitución do social, da esfera pública, polo mediático. Sentimos en nós esa violencia porque somos traballadores e porque somos galegos, isto é, afectados polo que veño de dicir. Mais tamén porque aprendemos a decatarnos dos seus múltiples disfraces, da cara amábel que agocha a inxustiza profunda da súa natureza. O verdugo é o home das mil caras, cantou noutro contexto Negu Gorriak, cando eramos rapaces de instituto que subían ao bus na Praza de Abastos, no frío mollado das sete da mañá, cara Foz, ou nos cascos, antes e despois dos partidos de baloncesto. Fómolo sabendo aos poucos, como se saben estas cousas: lendo e compartindo, colaborando e participando, discutindo, errando, caíndo no ideoloxismo e saíndo del, mantendo a curiosidade e o desexo -fermoso, ferinte- de sermos máis libres, máis concientes. Daquela a hoxe sinto relevante sinalar, tamén e sobretodo, a dominación que non se ve. A simbólica, para alén da material á que vai ligada. O seu poder invisíbel, hipnótico -sinalou Virginia Woolf- , naturalizado a forza de agochar, xustamente, a súa natureza ideolóxica, coproducido e reproducido polas propias vítimas da dominación. Que difícil manter a calma cando o corpo pide apretar os dentes, cando a realidade se encrespa e hai quen comeza a abrir os ollos e a detectar que, si, é certo, o rei vai nu. Que complexo aceitar o marco de xogo sabendo que é caír na trampa, e que dentro do marco existimos só coma comparsa, como ornamento lexitimador dunha pluralidade que non é tal, dun xogo eleitoral que permite dicir -cando o permite- mais non facer, transformar. Liberdade: entre o traballo e o consumo, presos dos bancos/capital até a morte. Que difícil comprender e sentir que é no colectivo, na solidariedade cos demais, na empatía co que sofre e padece, na construción e defensa do núcleo duro do social onde podemos facer que o futuro non sexa alleo a nós. Que difícil non caír no nihilismo, no cabreo, na destrución, no no future for us. Que difícil non sentir, neste tempo, simpatía polo diabo. Volverá a esquerda que nunca se foi, a música do amor, a loita, a raiba e o desalento, as voces que queren romper o consenso do formol oficialista, ou seremos novamente asumidos -presos, desactivados, marcados- en etiquetas para consumo xuvenil?

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios