Por quem nao esqueci

O primeiro cd que merquei en Santiago, ao chegar para a carreira, foi un de Sétima Legiao. O segundo foi, penso, de Marina Lima. No piso do Pexigo soaba daquelas Nao sou o único, en versión de Resistência, e ao carón da louza suxa no fregadeiro e das noites extremoduras (poesía e ribeiro mao) medraba en nós unha certa consciencia de soidade, liberdade, baleiro. O inverno era un vento combado sobre os pasos de volta, o bafo verde no bico do abrigo, a lenta incertidume das esperas. E as tardes de sol de xuño, cando chegaron, volvéranse postais indesexadas, sorrisos doutros, adeuses sen pronunciar. Hoxe, se poño os ollos naquel tempo, seméllame irreal, fermoso, quizais deforme, pedra e silencio, fuxida, esperanza ferinte, intensa, cando todo comezaba, lúa, lúa, puro teatro e calor. Como lume no silencio. Vai ben aló, falamos, e é certo. Mais tamén é bonito demostrarnos que aínda somos quen de recordar.

Um comentário:

  1. Mesmo Que Seja Eu26 de julho de 2010 09:10

    Sétima Legiao, GNR, Herois do Mar, Xuntos e pontapés, letras e sons da miña mocidade entrasmbos lados da raia de Pobra a A Guarda e a voz de Marina...

    ResponderExcluir

Comentarios