Vai de blog

Os medios de comunicación conforman hoxe a esfera pública, a ágora da cidadanía xa privatizada, cos debates fechados e as noticias deglutidas de antemán. O capitalismo mediático triunfou e asentou a ditadura do “razonable”, do “lóxico”, do “sentido común”, que sempre coincide cos seus intereses económicos e políticos. No BNG sabemos por propia e recente experiencia o dano que pode facer cando pasa da liña editorial ao sectarismo en acción, da información medida á campaña de ataque sen escrúpulos. Como cantaba Antón Reixa, polo andar xa se ve que non somos serios nin razoables, así que o que nos queda é atrevérmonos a poñer en cuestión o discurso mediático dominante e fortalecer alternativas de noso para crearmos espazos de opinión propios. Non facelo é asumírmonos vítimas da megalómana vontade dun señorito coruñés e da inquina mercenaria dos seus máis abnegados opinadores a soldo. Por suposto, cómpre matizar: a xeralización case sempre devén inxusta. No medio do ancho océano hai illas de liberdade, que reconcilian coa ética e o bo oficio do xornalismo. Unha delas, que podemos gozar nas páxinas de Galicia Hoxe / El Correo Gallego, é o vigués Fran P. Lorenzo. Nos días infames do J´acusse particular do editor de La Voz de Galicia poucas voces se atreveron daquela a poñer en evidencia a ”filípica infumábel” que viña de consumar Santiago Rey. Unha desas voces foi a de Fran P. Lorenzo, cun valente artigo que coma sempre conxugaba criterio sociopolítico e calidade literaria. Hoxe, no seu espazo semanal Vai de blog, volve emocionarme cun texto no que vincula o seu amor vigués á experiencia familiar e á actualidade política. Para poñerllo fácil a quen non adoite mercar os xornais devanditos, poñerei a partir de agora no blog todos os seus artigos (no fondo da coluna da dereita) en rss. A casualidade quixo que mentres o lía tivese soando no spotify, en pleno momento Vigo sen vivir en min, á rapeira Aíd e aos enormes, cada día máis reivindicábeis e absolutamente modernos Os Resentidos. Vigo ten todo para ser outra cousa.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios