Do fútbol como unha das belas artes



Despois do partido de onte entre o Madrid e o Getafe estaba case convencido de que había algún tipo de conxura cósmica para que os brancos acabasen gañando a Liga. Non tiña argumentos máis racionais cos que explicar o acontecido nos últimos minutos do Bernabeu. Mais hoxe, un día despois, hai escasa media hora que o Barça vén de rozar outravolta a perfección e de lograr enchernos de emoción -isto si é creación artística!- a través do fútbol, meténdolle catro goles -que puideron ser sete, ou oito- ao terceiro clasificado, un Sevilla superado que non parecía tal. Vanme perdoar a pequena inmodestia culé, pero a verdade é que despois de partidos así un sente a tentación de considerar a lóxica necesidade de títulos pouco menos que unha insultante ordinariez obrigatoria. Á marxe dos números, a felicidade está neste xogo que se ordena arredor do amor ao balón, que entende a defensa e o ataque como unha danza ordenada e colectiva, que pon o talento dos líderes ao servizo do conxunto e entón todo semella, como ben dicía o compañeiro Mexuto, unha epifanía pola cal un novo deporte está nacendo. De que planeta viniste?, preguntaba naquel minuto máxico o locutor arxentino a Maradona. Ignoramos tamén nós a orixe e a kriptonita secreta que agochan nos pés os sempre sensatos, brillantes e certeiros Xavi e Iniesta. Admiramos a volta ao fútbol de primeiro nivel de Márquez e Henry. Gabámonos da fame goleadora de Eto´o e das ánsias de divertirse divertindo de Dani Álves. Postrámonos e case nos facemos crentes da relixión semanal dos seguidores de Messi. Sentimos no peito o latexo das cores propias como Puyol, como Piqué, como Valdés. E orgullecémonos de termos dirixindo todo o conxunto ao artífice na sombra da marabilla, Pep Guardiola. "Me atrae la victoria y me doy cuenta de que el camino que se acerca más a ella es el protagonismo. Jamás pensaría un partido sin jugar en el campo rival". Guardiola citaba as palabras de Marcelo Bielsa nun artigo en El País, o venres 2 de marzo de 2007. E continuaba o catalán: Mañana el Barça perderá. O pasado mañana. A todos nos pasa. Pero nadie puede discutir que hace ya mucho tiempo que el Barça es un equipo reconocible. Único. Y a mí no saben cuánto me gusta. Horas antes del partido ante el gran Zaragoza, Iniesta mandó un mensaje a mi hermano. Mi hermano me lo reenvió. Decía: "Vuelve el dream team. Juego". ¿Sienten o no cómo han de jugar a este maravilloso oficio que es jugar al fútbol?.

Haberá quen a Guardiola non lle perdoe romper os tópicos como fai: xogador e adestrador amante obsesivo do fútbol, lector habitual de narrativa e poesía -amigo persoal de Martí i Pol, por exemplo-, humilde nas súas declaracións, traballador incansábel e magnífico motivador do grupo -pon aos seus xogadores no vestiario o Viva la vida de Coldplay-, seguidor do aparentemente frívolo mundo da moda ... non semella cumprir cos tópicos máis convencionais que lastran o mundiño do fútbol por estes lares. Mais, como recoñecía David Trueba hai non moitos meses, "donde se produce lo extraordinario no es en su llegada cargada de entusiasmo y recuperación de valores esenciales, sino en que esa llegada se vea propulsada por victorias. (...) Que un equipo diga antes de salir al campo cómo va a jugar y por qué, y luego lo cumpla, y que además el resultado esté de su lado es un accidente de tal calibre que merece la pena celebrarse. " Concordo con David Trueba na súa apreciación, e tamén con Guardiola na súa anterior. Da liña de Cruyf en diante -bastante con Van Gaal e moi notablemente con Rijkaard- o Barcelona sabe que para gañar e ter éxito o camiño pasa por non traicionarse a si mesmo, por serlle fiel a uns valores primixenios nos que crer e que practicar colectivamente, por manterse e desenvolver as súas señas de identidade futbolísticas. Isto, que tanto vale para o fútbol como para a política, é o que explica a Milla, Guardiola, Celades, Xavi, Iniesta, Cesc, Arteta, Gerard, ... e a todo un estilo de ser e de estar no campo de xogo, co respecto e o amor ao balón como punto de partida.

Mañá o Barça perderá, ou gañará os tres títulos en liza. Mais este orgullo profundo xa ficará para sempre, como o brillo nos ollos dun neno que se fai culé sen sabelo mentres asiste admirado ao último regate de Messi ou ao pase ao pé de trinta metros de Xavi para Henry. Que importante é saber a que xogar.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios