A "trola" da imposición



Lamento expresarme neste termos, pero é que realmente non creo que sexa para menos. É pensar na campaña sufrida, e no que queda por aguantar, e as palabras acumúlanse na gorxa, no padal, loitando por saír cuspidas de xenreira: vergoña, infamia, indignación. Facer da lingua propia un motivo para o combate electoral, inventando unha mentira infame -a da súa "imposición"- aínda a sabendas da súa radical falsidade e da perigosidade que esa estratexia entrañaba para a cohesión e a convivencia da plural sociedade galega, ¿que merece senón a nosa repulsa, o noso rexeitamento, a nosa denuncia? Digo "nosa" e integro nese plural a toda a sociedade galega que, fale o que fale, non está disposta a deixarse manipular desta forma. Hai temas que deberían estar por riba das loitas electorais, de xeito que se alguén quixer empregalos como arma política fose penalizado socialmente polo conxunto dos cidadáns e cidadás. Que o PP non o fose polo que fixo coa cuestión da lingua demostra, esencialmente, a grande falta de consciencia e autoestima e a grande desvertebración da sociedade galega no que respecta á súa identidade e autogoberno, males que nos aqueixan non por casualidade, senón como fruto dun proceso histórico moi determinado. Non viría mal reler aquel clásico de Albert Memmi, do que seguramente tirásemos aínda hoxe moitas chaves para comprender algúns comportamentos sociais que se dan no noso país. Fronte á grande, fea, insultante "trola" da imposición érguese todos os días a realidade que padecemos os galegofalantes. Sabe algún castelanfalante deste país o custoso, desagradábel e cansino que é ter que andar a reclamar constantemente o dereito a poder vivir con normalidade na lingua propia do país? O duro que se fai ter que caer antipático por reclamar algo que debería estar garantido por lei e interiorizado como normal polo conxunto da sociedade? A rabia que medra nos dentes cando, a pesar da aplastante realidade, a pesar da experiencia persoal e familiar, a pesar do evidente que resulta a cuestión, temos que escoitar e ler a triunfante mentira como se for verdade e nós, atención, uns "impoñedores"?

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios