Españois todos?


Convén desvendar e explicar, por moi "cansativo" que resulte, a estratexia e o discurso do españolismo, sexa este máis rancio-dereitoso ou progre-camuflado. Cómpre desenmascarar aos adalides dos antinacionalismos, aos variados propagandistas da España una vestidos con roupaxes en xeral dialecticamente pobres pero ás veces abondo efectivos:

- "las naciones no existen, existen las personas" (menos a española, claro, "patria común e indivisible")

- "las lenguas no tienen derechos, son las personas quien los tienen" (xa, menos no caso do español, do que existe o "dereito e deber de coñecelo")

- "todos somos españoles y la pluralidad es una riqueza" (por que tanta inquina entón contra o galego, o vasco e o catalán, linguas tamén "españolas"; por que esa victimización cínica do español e ese ataque ás identidades non castelanfalantes do Estado?)

- "el nacionalismo es un atraso" ( o español -PP e PSOE- tamén?)

- ...

Poderiamos seguir mais non é este o lugar para poñer en evidencia e rebater cada un dos argumentos do españolismo. Abondo triste e duro resulta xa termos que apelar nós, desde a nosa lexítima posición política, á diversidade evidente do Estado -a nivel cultural, lingüístico, político- e á súa necesaria valorización e recoñecemento como factor ineludíbel sen o cal grande parte dos galegos, vascos e cataláns nunca nos poderemos sentir nin cómodos nin encaixados nesta España que só se entende a si mesma negándonos a nós. Porque España construíuse historicamente en base á exclusión das diferencias. Nunca a partir de nós, senón en contra. E aínda así, os nosos discursos resultan ben máis orientados e positivos cara á convivencia e á calidade democrática do que o están as estratexias incendiarias dos tercios españolistas, semente permanente de discordia: Aznar, o PP e FAES, Rosa Díez e parte do PSOE, o brunete mediático da dereita e demais lexionarios do esencialismo patrio. "España se rompe", claman. "El castellano desaparece por la imposición de las lenguas periféricas", publicitan. Fáltalles tirar a careta e proferir aquela xenial sentencia dunha das viñetas de El Roto: "nosotros os defenderemos de las amenazas con las que os asustamos". E así andamos, un día e outro, na ditadura do pensamento único, do consenso indiscutíbel sobre a esencia identitaria española, da sacralización da Constitución como máximo ao que aspirarmos. Esta semana chegoume vía email aviso dunha novidade ensaística: unha historia da España ..do século XII!!! (Como se pode empregar o concepto político de España no século XII e ao tempo pretender ser un historiador serio?)

O caso é cansativo, desde logo. Aburre ter que responder, que gastar esforzos en esclarecer obviedades, mais cómpre facelo. Porque a batalla das ideas maioritarias dáse nas rúas, non nos despachos das academias.

3 comentários:

  1. Este comentário foi removido pelo autor.

    ResponderExcluir
  2. Hai un razonamento moi sinxelo: CULTURA.
    Os dereitos civís e políticos dos individuos non poden estar por riba da cultura, nin tampouco limita-la; entre outras razóns porque a cultura (a língua é unha compoñente esencial da cultura) é un ben colectivo e forma parte da "natureza" colectiva.
    En Galicia, a língua galega é un ben "natural" da colectividade; é dicir, do país, cunha dimensión filosófica semellante á das árbores, as lagoas ou as praias.
    Plantexar a posibilidade de que a "natureza" do país poda estar supeditada aos dereitos civís ou políticos dos individuos é unha tolería.
    Esa liña de pensamento, na que o dereito do individuo está por riba da da colectividade, un día destes os partidarios do "eu xurídico" teorizarán que o propietario dunha leira pode facer nela o que lle pete, mesmo na contra dos dereitos colectivos e, por exemplo, instalar unha central nuclear ou un almacenamento de cloro aínda que o solar esté a costas dun colexio.
    A cultura da colectividade (a língua) non é un ben supeditado aos dereitos civís individuais, tampouco aos desexos educacionais dos pais ou dun grupo, o que sexa.
    Unha aperta.

    ResponderExcluir
  3. Concordo co que dis, Félix. Eu penso que no nacionalismo galego, de Vilar Ponte en diante, sempre se teorizou unah idea de nación que desde logo nunca foi esencialista, mais tampouco unicamente voluntarista. Quérese dicir: existe nación en si (comunidade cohesionada historicamente por elementos como unha lingua, unha cultura, unhas tradicións, unhas formas de asentamento no territorio, etc comúns)e tamén nación para si (vontade manifesta -eleitoralmente, no caso actual- dos propios cidadáns de sentirse parte desa nación). Evidentemente a opción nacionalista non é maioritaria en Galiza, anda polo 50 % en Euskadi e penso que si é maioritaria en Cataluña. Mais aínda así, penso que é difícil poñer en dúbida, mesmo simplemente seguindo a definición que a R.A.E dá do termo, que as tres son realidades nacionais.

    Polo demais, é realmente alucinante que sexan os nacionalismos periféricos os que se molesten en defender unha "España plural" de mínimos e que ninguén, nin un só partido político estatal, asuma e defenda con verdadeira convicción e orgullo esa realidade. Existen matices, por suposto, e non é a posición de IU a mesma que a o PSOE nin esta a mesma que a de PP e UPD, mais en xeral para todos resulta unha incomodidade imposíbel de asimilar.

    ResponderExcluir

Comentarios