Orgullos@s do BNG


Poucas veces o país precisou tanto dunha forza política propia que for quen de defendelo con eficacia. Poucas veces a nosa sociedade se atopou cunha crise económica desta magnitude e coa necesidade de xerar respostas á mesma desde unha perspectiva popular e galega. Poucas veces a nosa identidade e a nosa lingua viviron unha situación de hostilidade manifesta como a actual, a través dunha estratexia tan cínica como eficaz.

Por iso poucas veces o BNG foi tan necesario, e tan perigosas e irresponsábeis as condutas que trivializan o debate interno e a definición de estratexias. O BNG precisa de máis sociedade dentro, e tamén de estar presente en máis sociedade. Precisa de sentido de responsabilidade para consigo mesmo, pero sobre todo para co propio país que lle dá sentido. Recuperar o respecto, a confianza e un mínimo sentimento de confraternidade entre toda a militancia. E desde logo non precisa divertimentos persoais para xogar a xornalistas, nin brincadeiras de señoritos coa vida resolta a custa dunha organización política que existe para mudar a realidade no camiño da xustiza, a autoestima e o benestar. As nosas palabras son importantes, porque acreditamos en que as palabras crean realidades, en que o coñecemento nos crea obrigas morais, en que as teorías non poden ser xoguetes intelectuais, senón ferramentas para comprender e transformar a sociedade. É por iso que militamos activamente en organizacións políticas e sociais, convén recordalo. O BNG non é perfecto, nin vai selo nunca. As nosas organizacións erran, teñen contradicións, producen enfados e decepcións ás veces, mais por riba de todo son ferramentas que conseguen avances magnificamente prosaicos. Non xurdiron dos intereses de grupos económicos ou mediáticos, nin se amoldan aos discursos dominantes, e contan por iso coa súa enteira animadversión. Formar parte deles supón ser sabedor de antemán do esforzo e traballo que custa acadar cada pequeno avance. E aceptámolo. A paciencia -penso que era Lenin quen o escribira- é unha virtude revolucionaria. Vólvenos facer falla paciencia, e tamén pobo e humildade. Aquilo que tiñamos e que en boa medida perdemos ou se foi esfarelando entre a autosuficiencia e a distancia coa realidade. Cómpre máis BNG, desde logo, pero onde ten que estar o BNG: nas asociacións de veciños, culturais, de montes, nas comisións de festas, nos clubes deportivos, nos ámbitos de lecer... no día a día cotiá, en todos os ámbitos da sociedade. Iso é labor de todos e cada un dos e das militantes da nosa organización. Sairmos do armario interno e dar a nosa visión das cousas, desde a esquerda e o nacionalismo, procurando a complicidade e a comprensión, con absoluta humildade. Seguramente, tamén, escoitando máis e predicando menos. Que non é renunciar a nada, agás á propia autocompracencia.

Confío en que poderemos avanzar se o facemos xuntos. Iso si é condición sine qua non. Se chegamos até aquí sendo o que somos -unha forza que cuestiona abertamente o modelo económico e político, seguramente a forza realmente de esquerda con máis forza e peso de todas as do Estado- temos que ollar con orgullo o pasado e defender todo o bo que logramos. Non faltará que nos acuse de posibilistas nin tampouco quen nos chame radicais. A verdade é que non teño reparo en recoñecerme cómodo cos dous adxectivos: preferímonos posibilistas por canto antepoñemos os avances concretos -galescolas, consorcio galego do benestar, enerxía eólica ao servizo do país, vivenda pública de calidade, banco de terras, promoción internacional da nosa cultura e identidade- á pureza teórica dos que pontifican no baleiro desde atalaias tan cómodas como socialmente inúteis e irrelevantes. E igualmente sentímonos radicais, porque non coñecemos outra forma de buscar solucións aos problemas e comportamentos sociais que analizándoos na súa raíz, procurando os porqués profundos e reais que os explican.

Cada un dos avances que logramos foron vitorias fraxilísimas que precisaban alimento diario cara os cidadáns: pedagoxía, comunicación, entendemento. Queriámolos convincentes, sedutores, firmes, e seguramente o foron só algunhas veces. Mais sentímonos orgullosos do conseguido e somos máis felices participando e axudando a seguir adiante. A causa é xusta e nobre, e a viaxe será longa. Nós habemos de seguir no barco, sen dúbida. Sen mitos, sen verdades intocábeis, sen tópicos nin tabús. Crendo en nós mesmos, aprendendo dos moitos erros cometidos e con toda a intención de sermos cada día máis. Con vontade de avanzar, en definitiva. O país que queremos non entendería outro comportamento.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios