As palabras de Pachi Vázquez


Temos novo secretario xeral do PSdG, o ex-conselleiro Manuel "Pachi" Vázquez. Polas súas declaracións, semella que vai adicarse máis ao tacticismo coxuntural que a unha necesaria análise colectiva dentro do seu partido sobre cal é súa propia identidade e proxecto para Galiza. Obviamente, non son eu ninguén para interferir nos asuntos propios desa forza política, máis si que como cidadán que desexa unha alternativa de goberno ao PP dentro de catro anos, non me pode ser indiferente cal vai ser a actitude ao respecto por parte do outro partido da oposición. E nese sentido, semella evidente que o PSdG ten que dirimir que quere ser: se unha franquicia en Galiza do PSOE estatal ou unha forza política capaz de se pensar desde o propio país. Non é indiferente a decisión. No primeiro caso, se continúa o camiño marcado por Paco Vázquez, Méndez Romeu e demais españolistas vai ser difícil poder construír unha alternativa conxunta co BNG para vencer o goberno Feijoo no futuro. No segundo caso, obviamente, sería moito máis factíbel. Infelizmente para a sociedade galega, as novas que imos coñecendo non resultan alentadoras. Explícao de forma clara e concisa o sociólogo Fermín Bouza no seu blog. Semella que Pachi Vázquez tropeza nas pedras que deixara colocadas no camiño o outro Vázquez. A estas alturas resulta unha torpeza e un perigo evidente que o PSdG asuma e interiorice o discurso do PP sobre a identidade e a lingua, xogando ao regate curto e axudando ao hipócrita e canalla discurso da "imposición". O asunto, por certo, resulta máis traxicómico aínda se temos en conta que a política lingüística do bipartito non a dirixíu o BNG, senón o propio PSdG. Teño para min, contodo, que estas declaracións son de consumo interno, xogo especulativo de patapum parriba. Pachi Vázque sabe perfectamente que unha alternativa de goberno ao PP en Galiza será necesariamente bipartita ou non será. Fala pois para os da casa, para a tribo, pero debe ter en conta que as súas reflexións e mensaxes chegan moito máis alá, a grande parte da sociedade e dos votantes, e por iso resultan fondamente irresponsábeis. Ollo pois. Xa se sabe que en nomeando o demo... Outra cousa sería se non fose así, e se no canto de discurso coxuntural o novo líder do PSdG crese verdadeiramente no que acaba de dicir. Sería dramático para Galiza que o PSdG decidise abortar unha nonnata alternativa de goberno a través dunha viraxe ideolóxica cara aos postulados políticos do PP. Non sería estraño, xa estamos afeitos a que este partido renuncie á batalla das ideas se isto lle resulta rendíbel eleitoralmente, e máis se esta se sitúa na cuestión da identidade (galega) e da lingua (galega tamén, que coa española non ten problemas). Un erro así botaría a perder os vindeiros anos nunha loita entre PSdG e BNG, cando os datos eleitorais demostran que a diferencia eleitoral conxunta co PP é positiva para as forzas do bipartito.

Contodo, á marxe desta cuestión, algunhas palabras do ex-conselleiro resultáronme realmente interesantes e coido que faríamos ben en reparar nelas. Explica Vázquez como, ademais do entramado de poderes empresarias e mediáticos afíns ao PP, os populares basean a súa forza na existencia dunha grande malla social, " los hombres y mujeres de cada aldea, donde el concejal es al mismo tiempo presidente del equipo de futbol, de la asociación de vecinos y el taxista del pueblo. Ese entramado social lo infravaloramos." A xornalista interroga a Vázquez ao respecto:

P. Pero esa malla social, por lo que dice, es caciquil.
R. Caciquil o no. Es más complicado. Tiene tintes caciquiles pero es una malla real, amable, de convivencia. En ausencia de otras formaciones que hagan esa política, los vecinos se refugian en lo que tienen, unas veces por control caciquil y otras irán de manera espontánea al que tienen cerca.
P. ¿Y es una malla que se debería desmontar?
R. A CiU le pasa lo mismo en Cataluña, al PNV en el País Vasco... Es una malla en la que es mejor estar y dar una visión socialista. Si en un colectivo vecinal sólo se oye hablar al del PP, le harán caso siempre a él. El PSdeG debe tener en todos lados voz, ojos y oídos. Hacer oposición es ser los primeros en saber qué está pasando en este país, patear la calle
.

As palabras de Vázquez parécenme en boa medida acertadas. Matizábeis, sen dúbida, pero cun grande fondo de verdade. Penso na miña vila e chega con analizar os colectivos sociais, veciñais, etc para se decatar da presenza de persoas do PP en boa parte das directivas de colectivos culturais, de veciños, comisións de festas, clubes deportivos, ... O nacionalismo, pola contra, tivo tendencia a crear organizacións propias -magnífico!- pero sen se integrar en outro tipo de estruturas existentes e desde as que se podería traballar man a man con outros veciños e veciñas, desde unha perspectiva "nacionalista" e normalizando a visión existente sobre nós. Non me semella cuestión baladí. Podemos pensar sobre o asunto.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios