A anestesia da dignidade colectiva


A historia tráxica da Galiza do século XX, marcada polo gume da morte e da represión do franquismo, explica que hoxe en día sexamos os nacionalistas galegos quen, case en solitario e dunha forma semellante á empregada por Castelao no seu famoso discurso parlamentar "Defensa del idioma gallego" - recollido no Diario de Sesiones de las Cortes Constituyentes de la República Española, número 41, Madrid, 1931 e reproducido integramente polo diario madrileño El Sol (19/XI/1931)- teñamos que facer novamente un esforzo de pedagoxía, convencemento e capacidade para espertar nos ouvidos progresistas o latexo do amor á propia identidade. É terríbel que a defensa da dignidade colectiva do país e dos seus símbolos se asocie politicamente a forzas determinadas, mais non poderemos culpar a esas forzas de seren coherentes, na acción, co seu pensamento e os seus principios. A lingua é de todos, e xa que logo a súa defensa, uso e promoción tamén o debe ser. Oxalá houber quen desde as lexítimas diferencias ideolóxicas e partidarias soubese sacar a lingua, a cultura e a identidade de noso da confrontación política e eleitoral, coma un patrimonio colectivo que nos pertence e nos obriga a todas as forzas e organizacións. Oxalá exista valentía, consciencia e amor polo que somos nas ringleiras dos partidos estatais que predominan no noso Parlamento e unha mínima lealdade para co país que, porque existe, os ten de parlamentarios e conselleiros. “Nosotros aspiramos a que todos los gallegos sepan hablar perfectamente el castellano y sepan hablar perfectamente el gallego” pronunciara Castelao nas Cortes españolas, que a pesar de rexeitaren a súa moción non puideron evitar a fonda impresión causada polo seu intelixente, moderado e emotivo discurso, do que se falaría durante días na prensa madrileña. Causa fonda mágoa estarmos hoxe, case oitenta anos despois, tendo que argumentar e defender outravolta tal petición do rianxeiro: nin máis nin menos que una igualdade real entre as dúas linguas. Causa fonda tristeza ter que defender aínda hoxe a identidade como un valor para todos e contra ninguén, o dereito á propia existencia e á propia normalidade -temos dereito a vivir en galego!- ou a lexítima acción política –acosada nestes meses desde poderosos aparatos mediáticos- a prol de nos gobernar a nós mesmos para máis autoestima colectiva e maior benestar social. Non son cuestións partidarias, ollo. Son cuestión sociais, que teñan a ver coa calidade democrática da sociedade na que vivimos. O momento, porén, está viciado de sectarismos, autonoxo e prexuízos gobernantes, falta de altura política, belixerancia contra o propio país. Asombra e indigna a ignorancia e o desleixo de moitos dos nosos representantes políticos, o seu insultante discurso sobre universalismo, provincianismo e cultura galega, a súa cipaia vontade de deconstruír, derrubar, acalar e marxinalizar canto de símbolo e mostra da nosa singularidade existe. “(...) la dignificación de la lengua materna corresponde al grado superior de la conciencia política y social y proviene de una capacitación para gobernar. El desprecio de la lengua materna significa un renunciamiento de derechos y proviene de una anestesia de la dignidad colectiva”, diríalles aínda hoxe Castelao, oitenta anos despois. E o certo é que un, lendo algúns xornais coruñeses e compostelanos deste luns de mediados de xullo, non pode evitar erguer a vista, remoer o desespero e cavilar en silencio: de verdade tan pouco fomos quen de avanzar?

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios