Feitos, non palabras

O pasado mércores a A.C. O Galo, unha das máis lonxevas e significadas na promoción da cultura do país, organizou no seu local da Praza de San Martiño Pinario a presentación do libro Piñeiro contra Castelao, Castelao contra Piñeiro, do profesor e filósofo X.C.Garrido Couceiro. A súa intervención e a de Bautista Álvarez, o histórico líder nacionalista e presidente da UPG, centráronse non tanto en entrar a debate da controversia Piñeiro como na clarificación da importancia de avaliarmos as condutas políticas en base aos feitos e aos datos obxectivos. Deitar verdade, achegar datos sobre a historia propia é, seguindo a Gramsci, un acto revolucionario. Nese sentido, o intercambio epistolar e os textos destas dúas figuras resultan clarexadoras das diverxentes posicións e estratexias políticas que cada dun deles defendía, e da súa concepción tamén diferente do nacionalismo e da importancia de dotar a este -ou non- dun corpo social e político organizado. Se resulta indubidábel o interese dunha aproximación desprexuízada á figura de Piñeiro -sobre todo ao proceso de construción desa figura, cos seus comos e porqués- e mesmo á súa obra ensaística -sinalou Garrido, neste sentido, a necesidade de realizar unha análise crítica da leitura que de Heidegger fixera o grupo Galaxia naquela altura, quizais orientado a conectar coa respectabilidade e prestixio intelectual da época-, cómpre tamén valorar o que queda -e o que representa hoxe en día- do piñeirismo.

Non semella que a estratexia de renunciar a forzas políticas propias, galegas, e apostar polo entrismo nas organizacións de obediencia estatal dese, neste tempo, resultados especialmente salientábeis para o noso autogoberno, a non ser que a leitura que se faga das conquistas políticas acadadas se realice en clave personalista e desvinculada das mobilizacións, loitas e esforzos colectivos. Menos perceptíbel aínda resulta hoxe a presenza do pensamento de Piñeiro no PP e no PSOE galegos. Serva como exemplo a posición de permanente ambigüidade do segundo con respecto ás cuestións identitarias galegas --partido polo que Piñeiro, Alfredo Conde e Carlos Casares se presentaron no 81 ás eleicións autonómicas, e do que non discreparon nin mesmo para rexeitar a expulsión dos deputados nacionalistas do Bloque-PSG- . A incapacidade -ou desinterese- da delegación galega do PSOE para construír un proxecto político propio -substituído, en troca, por un municipalismo localista, moitas veces de perfil antigalego e en todo caso cómodo no contexto dun PPdG gobernante- resultou manifestamente comprobábel. Queda, contodo, herdanza do piñeirismo no eido cultural. Sinalou Garrido Couceiro como da disociación entre o sentimento e a razón, desa fenda, medra moitas veces o oportunismo. Mais en política cómpre valorar os feitos por riba das palabras e analizar a quen beneficia, obxectivamente, a posición de cadaquén nos diferentes contextos. Por iso moitos dos asistentes pensamos con certeza, mentres escoitabamos a Xoán Carlos Garrido e a Bautista Álvarez, no piñeirismo actual dun certo galeguismo culturalista, disposto a lexitimar politicamente posicións tacita e mesmo expresamente antigalegas ao tempo que rube coma a hedra ao abeiro do poder, nun habelencioso cobreguear disfarzado de sacrificio polo país. O campo da lingua é hoxe, sen necesidade de personificar as obviedades, espello desas actitudes e deses comportamentos. Nunca o nacionalismo quixo apropiarse da lingua, nunca negou ás forzas españolistas ou autonomistas a posibilidade de asumiren como seu -e non só no discurso, senón tamén e sobretodo na prática- o idioma de todas e todos os galegos. Se houber tal galeguismo neles, maniféstese. Ficariamos, créanme, encantados de tal avance. Entre tanto só nos queda ollar e xulgar os feitos, e estes teiman en poñer en evidencia onde se sitúa cadaquén, e a quen serve. Na manifestación en defensa da lingua do 21 de xaneiro, que encheu e sobardou a Praza do Obradoiro, falou desde o palco a Pepa Baamonde, mestra expedientada no 81 por impartir as súas aulas na lingua propia do país. No outro lado estaba, servindo aos inimigos da lingua desde un despacho na Xunta do PP, o piñeirismo cordial e o seu decreto.



Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios