A lama a a soidade



Núñez Feijoo xa ten o consenso que buscaba. Dobremente. Onte puido ver unidos nas rúas de Compostela -véxase o vídeo - a representantes dos partidos políticos da oposición, sindicatos, movementos pedagóxicos, institucións e entidades culturais, profesorado, Anpa´s e alumnado, secundando a folga xeral do ensino contra o seu Decreto. Mais tamén estaban con eles milleiros de cidadáns e cidadás, mobilizándose masivamente -50.000 persoas- e colapsando Santiago a pesar de ser día laborábel. Galegofalantes e castelanfalantes, xuntos. Que saben que o rei vai espido e non gostan das trapalladas. Traducido: non cola máis o discurso troleiro da "imposición" e consideran un disparate o Decreto proposto polo Goberno.

Haberá no seu entorno quen lle diga a Feijoo que todo va bien, e mentiralle. O sentido común do que tanto gosta falar a dereita aconsellaríalles un pouco de reflexión, á marxe do ruído e da vertixe de cada día. Por moito que tenten caricaturizar ou minorizar o acontecido, refuxiados na súa maioría parlamentar, onte na capital galega había milleiros de persoas chegadas de todo o país por motivacións principais varias e diferentes -da indignación polo novo ataque á lingua ao enfado pola chapuza proposta, que translada o problema político do PP aos pais, nais e centros educativos-. Resulta inverosímil que todos e todas fosen extremistas. Pola contra, cada día se fai máis evidente, máis perceptíbel, que unha ampla maioría social vai cansa da polémica lingüística e non entende a necesidade de andar coa cuestión ás voltas, convertida en causa de rifi-rafe político. É tamén, esa mesma maioría, a que converxe na necesidade de que galego e castelán estean presentes no ensino e de que os nenos e nenas adquiran, nos colexios e institutos, competencia plena para usalos. Xusto o que buscaba o Decreto vixente, o chamado Decreto do bipartito, que fora -convén lembralo- unanimemente respaldado pola comunidade educativa na altura da súa aprobación.

Notoriamente á defensiva, presionado pola soidade na que se atopa e nervioso pola magnitude e pluralidade dunha resposta social que non calculara, ao PP quédalle agora escoller entre enrocarse na mentira ou voltar aos consensos sobre a lingua, concretados na Lei de Normalización Lingüística e no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e rotos, de forma tan irresponsábel como cínica, nos meses previos ás eleicións galegas de marzo de 2008. O regate curto, o carroñeirismo político, a prática do todo vale -aínda a custa da fractura social- púidolle funcionar nunha determinada altura, mais hoxe a maioría dos galegos e galegas van fartos dos fetiches discursivos de Feijoo -el gallego, la austeridad- e esixen solucións e respostas aos problemas da súa realidade cotiá. Xa non estamos en campaña, xa non serve enlamar o campo de xogo con máis detritus de propaganda gris, xa non chega con limitarse a deconstruír os proxectos estrela do Goberno anterior. Agora toca gobernar sen escusas e non crispar, e velaquí que Feijoo fracasa con estrépito, rodeado dun goberno feble de terceiras e cuartas opcións, contradicíndose e recuando decote e dando evidentes mostras de improvisación, descoñecemento, incapacidade e mala xestión. Toca gobernar, non crispar. E non dan feito.

Veremos o que pasa nos meses vindeiros. Feijoo - se cadra máis atento a Génova 13 que a San Caetano, ou ocupado en apagar os lumes internos que lle foron medrando dentro do partido- tivo que mudar de idea varias veces no pouco tempo que leva de Goberno. Quizais, no ámbito da lingua, teña que volver facelo. Cada vez máis xente -o éxito da folga e da manifestación do día 21 así o evidencian- entende inexplicábel xerar un problema onde non o había, e facelo ademais en contra do sentir unánime da comunidade educativa. Presos dunha mentira, dun pecado orixinal radicalmente groso, infame, as solucións nas que pensan no PP para saír do lío só conseguen afondalos aínda máis na poza na que eles mesmos se meteron. Fano -confesouno abertamente Anxo Lorenzo, contratado e converso para verdugo da lingua- non porque houbese ningún problema no ensino, non porque houbese ningunha sorte de "imposición del gallego", senón unicamente -din agora- para cumprir unha promesa eleitoral. Plausíbel intención na forma, desde logo, se non for que facela realidade suporía mudar un acordo por un desacordo, romper un consenso para xerar un conflito, antepoñer os intereses partidarios aos colectivos de toda a sociedade. Levar adiante a ideoloxía lingüística do PP nestas circunstancias, en solitario, a costa da calidade do ensino e en contra da opinión de pais, profesores e alumnos sería, como xa dixo alguén, unha imposición ideolóxica, irresponsábel, dañina e, por riba, completamente trapalleira. Están, con todo, a tempo de saír do labirinto. Precisan só recoller o fío, desandar o camiño e volver aos acordos sobre a lingua. A lama -vai aínda non un ano- só lles alcanza, de momento, pola cintura.

4 comentários:

  1. Ben falado!:)
    Grazas e adiante

    ResponderExcluir
  2. Ben escrito.... coa lucidez que tanta falta nos fai...
    Abrazos,
    Marga

    ResponderExcluir
  3. ¡Qué gran musa es Feijoo! Contra él, escribe usted,en estado de gracia, en trance, tocado por los dioses, intratable.
    Continue así.Él,no. Usted.

    ResponderExcluir
  4. Obrigado, Marga. Chuchos para Alemaña!
    Idem para vosté, Galactus. Os seus intúo que son para as beiras do Lérez.

    ResponderExcluir

Comentarios