Os amos da billarda

A existencia mesma -e o medre constante, no persoal e no territorial- da Liga Nacional da Billarda constitúe unha proba indiscutíbel de que o camiño se fai andando e de que, algunhas veces, querer é poder. Porque sen dúbida moitos puideron confundir a paixón e a constancia de Xermán Viluba e dos outros -poucos- que no seu día decidiron dedicar os sábados a poñerse a xogar á billarda cunha mostra máis de extravagancia ou iconoclastia por parte de quen xa fora, no pasado, músico militante de proxectos como Skornabois ou Safari Orquestra, e que desta volta se convertía en impulsor principal dun case morto deporte tradicional e falaba, desde a nada, de crear unha liga nacional con varias conferencias, all star, torneos, competicións parroquiais... Posibelmente houbese miradas condescendentes ou desconfiadas sobre o proxecto, unha aposta polo gozo do deporte que rexeitaba a ollada etnográfica e museística, que non quería teorizar para as librarías nin as bibliotecas, que fuxía de acabar pechado na etiqueta dos "xogos populares" (ámbito este moi importante, desde logo, mais diferente do deportivo e de competición). O tempo deulles a razón aos hoxe amos da billarda, convertida a LNB nunha realidade deportiva e cultural aberta e ampla, feita día a día desde a base, construída de abaixo a arriba, sen apenas apoios, e que soubo vincularse á cultura e aos movementos sociais sen supeditarse a eles, sumando e achegando unha mirada fresca, alegre, tamén combativa. Feble no económico, mais fortísima no compromiso e gozo dos seus xogadores e seareiros.

Tantos conceitos que forman parte da nosa linguaxe da esquerda (traballo de base, conexión popular, protagonismo cidadá, participación) foron atopando concreción no día a día da LNB, unha criatura que se foi alimentando nos tetos da ilusión e do atrevemento, fuxindo dos discursos estupendos mais tamén das falsas modestias. O seu foi e é o idioma da paixón, e tal lingua fálana por igual vellos e novos, mulleres e homes, adultos e nenos. A LNB xógase en pistas de terra e de cemento, e igual nas parroquias de Barreiros ou Lourenzá que nos bairros de Santiago ou da Coruña. Houbo que crear ata mesmo iso: unhas normas comúns, que valesen para todos os lados. Fuxindo de purismos estéreis, apostando por un pragmatismo que fixese posíbel avanzar. Nestes anos obtiveron o recoñecemento institucional (Premio Nacional do Deporte Galego 2008), participaron en diversas iniciativas socioculturais ao longo do país e non deixaron de conectar con xentes de dentro e de fóra. Co bule-bule no corpo andan, ultimamente, na concreción dunha nova iniciativa: o disco colectivo -case todos os temas inéditos, ollo!- República Billarda, no que participarán bandas e artistas galegos como Fanny & Alexander, Galegoz, Projecto Mourente, Narf, Zimmer 103, Noise Project ou Gran Purismo / Mafia Gallega. A edición, para alén dos temas musicais, contará tamén con textos dalgúns escritores do país. De seguro non será a última boa nova que nos dean, así que convido a quen isto lea a que estea atento aos novos disparos, deportivos e sonoros, da LNB. Como cantan os galego-suízos Mafia Gallega, Be, i, ele, ele, a, erre, de, a... billarda na man, dálle ao palán... Galiza practica!

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios