
Confeso que cando vin a foto no xornal non dei crédito a que estiver relacionada coa celebración institucional, por parte da Xunta de Galiza, do Día da Muller Traballadora. Cando vin que si, que a cousa ía en serio, pensei simplemente que tiñan a graza no cu. E tamén naquela combativa Cantiga para unha Antroidada, de Fuxan os Ventos, escarnio da caste política dos lobos que vindo do franquismo ideolóxico vestiran a seguir, sen rubiar as fazulas, a pel de ovella do autonomismo. Estes pijos acomplexados que nos gobernan, galegófobos e ignorantes, dereitistas de gato al agua, sobre en negro e avemaría purísima, son ao tempo a mellor caricatura de si mesmos: retratáronse nun ano como un goberno incapaz, incompetente, agresivo e, ultimamente, tamén friqui-trapalleiro.
Hanme permitir que introduza notas de humor en cousa tan seria. O humor -como sabían ben os surrealistas- pode ser arma revolucionaria: os poderosos nunca levaron ben que o pobo espise a súa farsa gobernante, a súa mercada respectabilidade, a adhesión obrigatoria ao ridículo soberano da sangue, o silencio imposto diante da súa solemne estupidez. O Antroido foi prohibido no franquismo e El Jueves tivo que eliminar, aínda hai pouco tempo, aquela coñecida portada sobre os traballos do Príncipe de Asturias. Humor fai falla tamén agora, crítico, contundente e dirixido contra o poder -non a cínica ración xornalística de estopa para todos, non o descrimento que beneficia unicamente o statu quo- diante deste goberno que anda tamén espido.
Fagamos certa memoria, empezando polo conselleiro de Cultura. Comezou ao grande, despachándose con declaracións altisonantes: a cultura galega limita, resulta acomplexada e ensimesmada. Os escritores e os sectores da cultura galega reprobaron as súas palabras e pediron a súa demisión. O conselleiro dixo que nanai, que desta non tocaba, e como é persoa coherente decidiu gastar os diñeiros públicos en convidar aos foráneos, no Xacobeo, non a viren ás moi galegas, acomplexadas e ensimesmadas vilas de Sobrado dos Monxes e Touro, senón ás moito máis cosmopolitas -onde vai parar!- Toro e Desván de los Monjes. A primeira queda por Zamora e é terra de bo viño e bo xantar, a segunda non fomos quen de situala no mapa. Interpelado pola cuestión o Conselleiro revolveuse no atril e negou ter dito tal cousa, de malos modos: quen pensar que do seu florido, límpido e experimentado verbo puider saír tal estupidez resultaba, el ou ela mesma, un estúpido, coa esdrúxula ben marcada. Deixen de pasar o día mergullados no lixo da Internet, conminou finalmente . Mais velaquí que a rapazada é desobediente e anda por tocar as pelotas (que é, xa saben, un Estado que hai no Brasil). Onte as sondas acuáticas trouxeron á superficie os restos do pecio dialéctico, e diante da evidencia Mr. Varela tivo que rectificar. O mal, contodo, estaba feito: mentir no Parlamento queda feo. Caca, señor conselleiro, caca. Iso non se fai. Hobo xa algún bloqueiro que llo dixo e haberá tamén, a non moito tardar, quen lle pida que deite a cabeza na bandexa para un corte limpo, e non se queixe. Porque ocorre que a xente é moi amiga de falar -mesmo a súa propia- e anda por aí dicindo que se tal e que cual do fracaso do Ano Santo, e non sei que dos disparates cometidos, e algo escoitei tamén do mapa de google que non foi e dos 100.000 euros pagados a David Meca por promocionar o Xacobeo mentres comía gostoso un plátano de Canarias.
O prócer da Cultura, contodo, tivo compañeiro destacado para as trasnadas do recreo no ínclito Jesús Vázquez, responsábel de Educación -o home que pasará á historia como o grande estadista que mudou o nome das Galescolas polo moito máis apropiado A Galiña Azul-. A inmensa trapallada da súa xestión contra a propia identidade e a utilización partidaria da lingua como arma de confrontación conseguiu xerar unha rara unanimidade ...en contra súa. Primeiro fora aquela enquisa-trampa aos pais, despois a decisión de transladar un problema seu, propio -xerado polo PP para rabuñar uns cantos votos dos extremistas da España una- ao conxunto da comunidade educativa: alumnado, pais e nais, profesorado. Nestes meses o consenso sobre a lingua volveu, iso é certo. Ficou claro que o galego é de todos, un elemento de cohesión e de unión da sociedade galega no seu conxunto -fáleo ou non- que debe ser obxecto de políticas específicas de apoio e normalización, e que só o PP quere facer del, desde o Goberno, elemento de división e fractura social. Ou sexa, no canto de solucionar problemas créanse outros novos.
Para nota a rodapé deixamos a Beatriz Mato, pija como Vázquez e diplomata coma Varela. Coñéceselle unha grande decisión política no que vai de lexislatura: comprar dúas bandeiras españolas para o seu despacho, porque ollar nel a galega soa producíalle ronchas -unha alerxia aínda non clasificada mais que desde logo precisa ser investigada e coutada a tempo-.
En fin, unha banda. Por aí anda este goberno popular que temos: soberbio, pijo, desacomplexado, desatado. Con tanta chispa que un Consello da Xunta debe ser máis divertido que a charanga da Choca no desfile do martes de Antroido. Eu daba algo por velos en acción: unha rascando no pescozo pola proximidade ameazante da franxa celeste, o outro pensando nas Galiñas -ou gaivotas- azuis e nos nenos da Gran Obra de Atocha, aquel outro sen responder ás consultas de Feijoo, ensimesmado no ocaso dos deuses -nibelungos- e no moi suculento e cosmopolita sánduiche -con cocacola- da paparota do almorzo.
Saica xa están, no Xacobeo, mirando de os contratar para teloneiros da Panorama.
Por un menú castizo!!! Outra del "Consejero Harina"
ResponderExcluirHoxe, sábado 20 de marzo, en Madrid, a miña filla, que leva meses cun monomenú de pasta, achegouse a un posto que había no Centro onde supostamente a Xunta baixo o lema "Galicia 2000", facía gala dos productos gastronómicos:rosquillas de anís e empanada de bacallao, pouco máis. Ten pasas?, ah, no se, respondeulle en un castellano nativo. O resto dos productos foráneos: bollo preñado, empanada de chistorra, morcilla de burgos... Se é que teñen razón, hai que perder os complexos e facer a festa da Chistorra e da butifarra. Xa está ben de caldo e chourizos. Non somos ná. Antonia
Disculpas; o lema era "Galicia 2010" Un erro froito da paixón. Antonia
ResponderExcluir