Palabras e silencios




A linguaxe non é inocente. Faise máis necesario ca nunca atender e ser consciente dos significados, desvendando os sentidos que damos por habituais.


Pódese non ser de ningún partido, mais non se pode non ser político. O apoliticismo, lamentándoo moito, é de dereitas. Sábemolo porque a proba do algodón non falla. A falacia do “todos son iguais” é o fetiche discursivo desmobilizador que articula con frecuencia a dereita para deter o potencial transformador da cidadanía, especialmente da máis nova. De dimitirmos da nosa capacidade de decisión –xa de por si moi limitada-, quen se beneficia, sempre, é xustamente quen está interesado en manter o estado de cousas ao servizo dos seus intereses.


Cómpre fuxir dos dogmatismos, ser quen de cuestionarse e cuestionar, non ter medo ás dúbidas propias. Esa foi e segue a ser unha actitude radicalmente propia e necesaria na esquerda –en realidade a única actitude posíbel-, e só a través dela poderemos analizar a realidade para transformala e non para ficar atrapados no silvareu discursivo da súa neboenta construción ideolóxica. Non nos deberían interesar os xogos retóricos, nin o debate político mudado en combate de egos ou matrix virtual para non manchar as mans na realidade. Non falo da descrición literaria do pan, falo do pan mesmo. Do pan de cada día, do que se come. Prosaico, marabillosamente vulgar, necesario.


Dubidar, cuestionar, analizar, ser críticos. Nada diso leva parella ningunha caste de escepticismo desmobilizador, de entretemento intelectual con aversión a asumir un papel na acción concreta do cotiá. Compromiso non é unha palabra de esquerdas. Comprometidos estamos todas e todos, por acción ou omisión, desde o momento en que formamos parte deste campo de xogo. Sábeno ben os cínicos, os mestres da dobre moral. Delátaos o seu sorriso paternalista, disfrace coñecido da mala conciencia, da ausencia de verdade no argumento. Delátaos a súa fuxida cara os lados. Lembráballo hai pouco Andrés Trapiello a Pérez Reverte, con sutil contundencia.


Cómpre, pois, saber para que xogamos e para quen xogamos. Cómpre ter unha mínima valentía, asumir que mesmo os silencios falan e din de nós e por nós. A quen serven as nosas palabras, as nosas accións, as nosas olladas para os lados?. Atreverémonos a formular, cara nós mesmos,as preguntas adecuadas?



Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios