Enerxía




Propósito, promesa, prometinme. Reler Os camiños da vida, Xente ao lonxe, O demo nos outeiros, Historia universal de Paniceiros e Días contados. Quero quererme máis e agasallarmos de novo, nas tardes de verán na Arealonga, antes das cañas cos amigos pola vila. Farei o mesmo con Mamasunción, se Riqui me acompañar, e cos clips xeniais d´Os Resentidos. Desde logo tamén Cunqueiro na voz de Amancio Prada, onde sempre convén voltar para ollarnos doutro xeito. Na barra do Recuncho cantaremos Marful e Mercedes Peón, cos Clash e con Kortatu. Mirarei algunha noite, outra volta, as faces de Manuel Antonio, Elis Regina, Uxío Novoneyra e Lois Pereiro, poderosas coma palabras cinceladas no vento, tocando as capas dos libros ou na escoita de cascos e sofá. Falarei con Manolo de Oliver Laxe, con Marcelino de Emilio José, con Suso de lingua e políticas culturais, con Carme de Alexandre Bóveda, Syra Alonso e Margarida Cordeiro. Pecharei por fin Cavanardá con palabras de noso. Adrián contarame do último de Luís Rei ou Vázquez Pintor, e Marlene de Riveiro Coello e Paul Auster. No Pataca, con Tono e Samo, recitaremos de novo para nós Reixa e Ronseltz, ignoraremos con eles as razóns de Petrarca para se poñer a escribir en florentino en vez de en latín e farémoslle novamente a Uxío a parcelaria, desde a admiración máis punk atravesada nos dentes. Na AP-9, camiño de Ribadeo ou Compostela, subireille o volume aos Samesugas, aos Ataque Escampe e a Guadi Galego. Gravarei outro cedé de varios e nel andarán Narf e Noise Project, cos Zora Gabbara, Nadadora, Mazzy Star ou Camera Obscura. Igual lle chamo INDIEpendencia!. Poñerei a camisola de Queremos Galego, para ir á praia, e ao terceiro bobo que me veña con chorradas regalareille o artigo de Pereiro que levo impreso no bolso para ocasións coma esas. Que o lea se quere e nos deixe falar de fútbol, como a xente normal. Todo o anterior -tanta creatividade, talento, emoción- éncheme de enerxía, dáme folgos renovados, faime sentir máis vivo e máis feliz. Hoxe apetecíame dicilo, con tranquilidade e contundencia, con xogo bonito ou ao contraataque, despois de enésima conversa na que tiven que aturar os prexuízos contra o galego en gorxas progres e modernuquis. Propósito, promesa, prometinmo a min mesmo. Catro pollitos bien, catro malbichos e catro mamóns non me van tirar a forza para seguir vivindo, orgulloso e cada día, na lingua de Dela de Florente.

2 comentários:

  1. Ás veces non se dá feito, sobre todo se te atopas 40 en lugar de 4... ! Por certo xa vin que tes a Marcelino enganchadísimo... O dos cascos téñoo pendente. A ver se un día convenzo a meu irmao a facer unha audición de sofá. Pero, Viva o tumba e dálle! Por certo xa coñeces este sitio? http://segundacita.blogspot.com/

    ResponderExcluir
  2. Hahaha, si, téñoo pillado con EJ. Xa digo, recoñezo que a cousa é difícil, mais con varias escoitas acaba enganchando... :-)
    Non coñecía ese bllogue, non, vou darme unha volta por el. Apertas!!

    ResponderExcluir

Comentarios