Novidades estimulantes para o verán que comeza


Días de novidades editoriais que chegan ás miñas mans, na literatura e na música. Todas das terras nordestinas, de arredor da liña que nos une os corazois.

Positivas
publica o poemario Os nomes da terra , do asturiano Xuan Bello, para min un dos máis destacados autores da actualidade en toda a península e do que recomendo vivamente Historia universal de Paniceiros. Xunto co de Bello sae tamén do prelo o libro gañador do Premio Narrativas Quentes de 2009, de título Organoloxía e autoría da ribadense Eva Moreda (que vén tamén de gañar o Terra de Melide 2010 cunha novela sobre a emigración galega a Londres nos anos 50 do pasado século). Tanto un coma outro son libros recomendabilísimos e que veñen ampliar un catálogo amplo, plural e diferente, do que forman parte nomes coma Lois Pereiro, Vidal Bolaño, Allen Ginsberg, Ronseltz, Mark Twain, Pasolini, Bukowsky, Mercé Rodoreda, Chico César ou George Orwell.

Pola súa banda Ouvirmos, através do subselo Vir, edita por fin o primeiro traballo da Safari Orquestra, con título de expresión mariña Ben deitei. Por moito que no texto promocional se defenda a calma e a paciencia coa que foi cociñado o disco, o certo é que pensamos que a súa xestación levou máis tempo do que sería desexábel, e iso pode repercutir tamén na súa recepción actual. Recordou este proceso ao acontecido no seu día co outro grande proxecto do que o líder da Safari Orquestra formara parte, os lembrados Skornabois, que editaran aquel seu magnífico -e único- disco homónimo xa na parte final da súa carreira. Con todo, a saída deste Ben deitei resulta sen dúbida unha excelente noticia para a música galega. Nun ano no que a cultura de noso parece vivir unha fonda depresión pola crise económica e pola lamentábel actuación do goberno Feijóo para cos sectores culturais resultan aínda máis estimulantes e necesarios os fermosos agasallos que nos son entregues da man de Berrogüetto, o Aló Irmao ou a Safari Orquestra.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios