Onde é que nos imos atopar?

Andan os días cheos de música, e nós felices. A semana pasada tivemos ocasión de achegarnos ao Dezaseis para compartir xantar da Guiné (sopa de barbo, arroz irmón de terra con perca) e mercarmos o fermoso Aló irmao! de Narf e Manecas. Xa falamos del noutra ocasión, con motivo dos concertos ao vivo que serviron para a gravación que agora temos entre as mans. Para todas e todos os que vos fagades con el, unha recomendación: non deixedes de ver todo o DVD.

Neses días saíu tamén o novo traballo de Lamatumbá, banda referencial no ámbito dos ritmos mestizos e festivos e que gozou no seu día dunha importante proxección fóra de Galiza. Coñecemos o clip do primeiro single, Logo chega o día , e tivemos tempo tamén para visitar outravolta temas clásicos e outros que non o son tanto, exercicio en todo caso sempre interesante.

En Foz, a libraría Bahía deunos a posibilidade de achegarnos ao magnífico A nena e o grilo, de Magín Blanco, con quen tivemos ocasión de falar e contrastar filias e fobias musicais e xornalísticas. Un pracer. O librodisco, moi moi recomendábel e editado por OQO, pódese mercar en librarías ou aquí, na Rede.

Xustamente con Marcelino, Mónica e Magín falamos tamén da Rockdelux, revista que no número de xuño trouxo un cd con interesantes colaboracións. Sr. Chinarro e Hola a todo el mundo versioneando El fantasma de la transición, de Triángulo de Amor Bizarro ou Manel e Nacho Vegas facendo o propio con The Kiss de The Wave Pictures, por exemplo.

Parece moito, pero aínda puido haber máis. Puido, mais non nos deu tempo. Para outra quedará facérmonos co libro 50 anos de pop, rock e malditismo na música galega de Fernando Fernández Rego e poder ver o documental Roger de Flor: naturalidade silvestre de Carlos Alberto Alonso. Os dous teñen boa pinta e aos dous lles teño moitas ganas.

Por música non será.

LAMATUMBÁ from OROBORO FILMS on Vimeo.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios