Toupa.net




Somos un país de artistas, que diría Xurxo Souto. Temos pois o primeiro que fai falta para podermos falar de produción cultural de noso e de calidade: talento creativo, capaz de xerar contidos e discurso desde nós. Desde esa base, o seguinte é crear e afortalar estruturas que sosteñan ese talento e o conecten da mellor forma posíbel cos diferentes destinatarios. Cómpre que traballemos en todos os ámbitos da cultura, sen privilexiar uns por riba dos outros, mais de forma planificada e estratéxica. A nosa cultura precisa investir en formación artística para a excelencia, mais tamén necesita contar cun sector empresarial profesionalizado, capacitado e solvente e con medios de difusión social eficaces, que fagan visíbeis os nosos libros, discos, filmes, espectaculos escénicos, ... A acción pública desde as institucións revélase, nun caso coma o galego, absolutamente imprescindíbel para correxir as desigualdades ás que a nosa produción debe facer fronte no contexto dos mercados da cultura e o lecer. Mais esas políticas públicas, tan necesarias, non están existindo desde a Xunta de Galicia. Por iso iniciativas privadas coma a da toupa.net, desde a súa aparente sinxeleza e simplicidade son, no fondo, aínda máis importantes. Nun país tan poboacionalmente disperso coma o noso e no contexto dun cambio dos soportes e formas de consumo cultural, contarmos con plataformas de venda dos produtos culturais galegos na Rede resulta básico para seguirmos a ser unha sociedade produtora, creativa, dinámica, existente.

2 comentários:

  1. Sen dúbida 100% de acordo, teño falado moito en conversas se non estaremos nestes lares algo faltos de "militancia" nos proxectos privados fundamentais para o país. E iste é un co exemplo. Que opinas?

    ResponderExcluir
  2. Non me parece que estexamos faltos, senón que realmente soster un proxecto cultural empresarial vinculado á promoción da cultura galega non é nada fácil nestes tempos. O contexto global obrigaría aos poderes públicos galegos a desenvolver políticas de intervención que axudasen a garantir o dereito a producirmos cultura, a manter un discurso cultural propio nun contexto de mercado cultural dominado polas grandes multis do ocio e a comunicación. Infelizmente non se dá esa situación, ao Goberno galego non lle interesa a cultura do país (por non dicir que a combate de formas disfrazadas) e polo tanto as inicitaivas que existen, como toupa.net, nacen dun amor, ilusión e atrevemento case heroico. O que si concordamos ao 100 %, sak, é na necesidade deste tipo de iniciativas e, en xeral, na necesidade de que se cree unha mínima estrtura empresarial solvente e sostíbel que dea soporte ao talento que teñen os noso creadores e o fagan chegar aos cidadáns.

    ResponderExcluir

Comentarios