Palabras

Na adolescencia devoraba as palabras da sección de cultura d´A Nosa Terra, nas que Arantxa Estévez, Paula Bergantiños e Carme Vidal facían posíbel que chegasen a Ribadeo -non pasaron ben nin quince anos e doume conta que daquela non había internet!- o sentir, o dicir e o vivir de Lois Pereiro, Uxío Novoneyra, Os Diplomáticos, Negu Gorriak, Sarabela, Syra Alonso, Alexandre Bóveda, Juan Gelman, a sala Nasa, Miguel Hernández, The Clash, Wim Wenders, Na Lúa, ... e tantos e tantos nomes que foron formando parte aos poucos -e desde esas páxinas- da miña vida para sempre. Dille berce ao inimigo e veralo esmaciar. O poder da palabra.

Hoxe agardo con pracer semellante os artigos de X.M.Pereiro, M. Rivas, Félix Soria ou Fran P. Lorenzo. Supoño que eles terán a consciencia de seren illas-refuxio valiosísimas, imprescindíbeis, para os que procuramos unha versión dos feitos non dictada polo poder que non admite preguntas. Eu, desde logo, agradezo imenso a súa voz erguida entre tanta mediocridade, tanto cinismo, tanta transgresión baleira e tanta autocensura (cando non asunción acrítica do propio papel) como percibimos aborrecidos grande parte dos lectores habituais de xornais. As palabras, que nunca son inocentes, sono agora menos ca nunca, nun mundo no que a praza, a ágora pública, foi substituída polos media. Neles existe o mundo e deixa de existir (alguén lembra hoxe Haiti?), eles dictan o que existe e crean -quen o decide e como nolo din?- o mundo do que nós despois conversamos, opinamos, conformamos o noso parecer e o socializamos. Non está de máis, pois, agradecerlle de cando en vez o atrevemento a quen racha o discurso uniforme, o consenso imposto, para que saiban que os necesitamos: unha sociedade consciente, crítica, máis culta e máis capaz, precisa ser unha sociedade informada, non simple consumidora de ideoloxía travestida en diversión instantánea e espectáculo vácuo en racións de a diario. Obrigado pois, a todos eles, pola súa profesionalidade, pola calidade e o coidado na forma, pola valentía e o compromiso co xornalismo e coa vida, sempre.

Polo demais, hoxe é venres e comezo as vacacións. Non lles parece un bo motivo para compartir unha canción?

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios