Todas as políticas contra a dominación, contra a desigualdade, precisan de impulso social e de medidas legais desde as institucións para facérense efectivas e eficaces. Con orzamentos, con tempos, con executantes. A desigualdade de xénero, de raza, de cultura e/ou lingua, de relixión, de condición sexual... corríxense investindo diñeiro e esforzos. Todas elas son frecuentemente confrontadas pola dereita co argumento da austeridade na xestión do diñeiro público. Estes nunca son temas importantes, sempre existen outras prioridades. Os que tal afirman non discuten, porén, o resgate con diñeiro público á banca ou as subvencións multimillonarias a determinados sectores industriais. O argumento é obviamente disfraz vergozante dos verdadeiros porqués da súa negativa, de raigame claramente ideóloxica, clasista, defensora do statu quo. O mesmo acontece coa memoria histórica, co exercicio dos dereitos colectivos no plano simbólico (a selección galega de fútbol era gasto, a española normalidade) ou co traballo de sensibilización sobre temáticas diversas (informar sobre sexualidade, previr a violencia de xénero, educar no respecto, uso das linguas co-oficiais no Senado).
O Deus Diñeiro manda e a sociedade obedece. A utilización do argumento económico e a categorización do que é socialmente relevante desde esta perspectiva revela a interiorización pasiva e acrítica do peor das sociadades de consumo nas que vivimos, que foron minando o sentido colectivo e substituíndo os valores que sustentaron o progreso humano da Ilustración en diante polo reinado absoluto do Capital. Mais nós...
Nós deberiamos defender un modelo de sociedade repolitizado, consciente e comprensíbel, onde o discurso volva a centrarse nos valores sobre os que queremos construír o presente e o futuro. Unha sociedade que aplaude o beneficio sobre calquera cousa, que premia a picaresca e non valora o esforzo, que normaliza o caciquismo e desperdicia o talento, que se volve cínica e retranqueira porque non é capaz de ser sincera e firme, que ri as ocurrencias cometidas con diñeiro público e considera aburrida a responsabilidade para cos demais, que esqueceu o nós e glorificou o eu, que non é capaz de imaxinarse a si mesma a medio prazo e só sabe regatear en curto... unha sociedade así é unha sociedade enferma. A nosa, sen ir máis lonxe.
Mais é evidente que nin aquí somos máis burros nin aló son máis listos. Non é xenética, senón sociedade: política. A cultura social dalí é diferente á de aquí, para mal noso. Mais non hai determinismos nin futuros escritos. Colectivamente, somos o que queremos ser. Agora, máis que unha nación, somos unha ración. De polbo Paul, para turistas. Perdóenme que cuspa aquí todas as derrotas.
“Galiza, ámote con raiba, con indignación” , escribiu nun poema María Xosé Queizán. Eu son nacionalista por iso mesmo. Non porque considere que os galegos somos mellores ou peores que ninguén (mellores é evidente que non o somos) senón unicamente porque me gustaría vivir nun país mellor para todos, no que a xente tivese máis oportunidades, no que non houbese discriminación contra os que falan o que eu falo, no que puidésemos sentirnos unidos non por unha bandeira senón pola conciencia e o orgullo de convivir civilizadamente dunha forma máis humana, máis digna, con máis benestar e calidade de vida. Quero e soño un país que ao miralo non doa tanto nos ollos nin no corazón. É importante traballar, colectivamente, para conseguilo.
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Comentarios