Os tempos están cambiando


Chegou o 1 de marzo, e colleume paseando polo peirao de Ribadeo. A ría está calada e calma, a noite serena e limpa, e o cheiro a mar esfarélase lentamente mentres sobe con timidez polas rúas da zona vella.

Hoxe, nunhas horas, comezará unha xornada eleitoral que se prevé tensa, intensa, cardíaca. Se ao comezo da campaña pensabamos que o que estaba en xogo era a composición do futuro Parlamento e Goberno galego, hoxe sabemos que é bastante máis. A escura campaña electoral desenvolvida polo PP, en perfecta coordinación co virulento ataque realizado ao BNG polo máis importante xornal do noso país, serviu para esclarecer, pola vía dos feitos, como os cambios levados a cabo polos nacionalistas desde o Goberno foran realmente importantes e sentaran bases firmes para a transformación social, cultural e económica do país. O que non conseguiu comunicar o bipartito conseguiuno socializar o PP e os grupos mediáticos afíns, aínda que fose á contra. Queda por ver con que resultado.

Posibelmente ese fose un dos grandes erros do actual goberno, o de non ser quen de poñer en valor o traballo feito. Porque cambio, houbo: o cambio que a sociedade galega non chegou a percibir coa intensidade desexada foi percibido nidiamente -como perigoso- por determinados poderes fácticos do país, e moi singularmente por algunhas elites económicas e mediáticas para as que o reparto do poder real fora sempre asunto doméstico. Da resolución do concurso eólico en diante, a campaña de ataque frontal ao nacionalismo galego non tivo tregua. Buscábase con ela socializar o "todos son iguais", desmobilizar o voto crítico do BNG, fomentar a abstención en beneficio do PP. Mais, paradoxalmente, foi tamén esa campaña tan agresiva a que fixo que o BNG se tensionase e reaxise activa e solidariamente diante da envergadura e natureza dos ataques que estaba a padecer. Poucas veces no moderno nacionalismo galego se viviron mitins tan cargados de emotividade e orgullo como os celebrados na Coruña, Ourense e Vigo nos tres últimos días de campaña.

Mais todo iso é xa pasado. Hoxe, 1 de marzo, saberemos cal é o resultado da batalla. Máis alá da confrontación entre as diferentes siglas electorais, teño para min que con ela vai implícita unha loita máis relevante: a que libramos os que queremos unha construción da vida social en termos de oportunidade e igualdade para os cidadáns e de osixenación, transparencia e modernidade democrática para as institucións con aqueles que quixeran volver ao gran hermano politicamente actuante, ao afogamento da iniciativa cidadá e á partidarización das institucións en beneficio propio, tan aleccionadoramente sintetizado polo ínclito Baltar naquel “y si no eres del PP, jódete!” que tan grotescamente rebuznaba, trombón en man, para celebrar as vitorias electorais na época de Fraga. Quero pensar que desta vez os tempos están realmente cambiando; que o nerviosismo dalgúns significados poderes fácticos é síntoma evidente precisamente diso; que as armas da intoxicación e da mentira non van poder coa intelixencia colectiva e a entrega militante dos que queren e traballan por un país orgulloso de si mesmo; que o camiño encetado en 2005 -ilusionante, complexo, non exento de carencias e problemas: isto é, revolucionariamente normal- non vai ficar en via morta. É necesaria unha segunda lexislatura do bipartito, e con máis peso do nacionalismo galego; catro anos máis que fagan posíbel aprender dos erros cometidos, corrixir as condutas equivocadas e avanzar con máis firmeza e celeridade na orientación agardada da autoestima e do benestar.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios