Non son precisas moitas introducións; a esta hora xa case todo está dito e só podemos erguer o ánimo para facer algunhas poucas anotacións desde as marxes ás que nos barreu a noite de onte. Quizais desde elas, desde esas marxes, poidamos volver a ollada á realidade de xeito máis eficaz do que seguramente fomos quen neste tempo. Velaquí as miñas reflexións:
1. A estratexia da difamación, a mentira e a manipulación informativa funcionou. A campaña de xogo sucio articulada polo PP en connivencia inestimábel co outro grande gañador da noite conseguiu o efecto procurado: desmobilizou ou desviou para opcións sen posibilidades electorais reais unha importante porcentaxe de voto do bipartito, ao tempo que tensionou e mobilizou voto novo para o Partido Popular. O PP gañou claramente as eleicións, mais convén recordar como o fixo: negándose a debater publicamente, con dirixentes insultando a rivais políticos, con apoio dunha contracampaña de cartelería e soportes publicitarios sobre a dos outros dous partidos, coa entrega total na causa do principal xornal do país.
2. A relación do PP coa súa masa votante mostrouse, máis unha vez, radicalmente diferente da que poden ter as forzas do bipartito coas súas respectivas. Desde a perspectiva do voto progresista resulta dificilmente comprensíbel como pode subir en votos un partido con graves problemas internos, imputacións xudiciais de membros destacados e personaxes de catadura moral abondo discutíbel. E pola contra, así foi. O PP volveu demostrar que conta cunha inmensa capacidade para reconverter os problemas propios en estratexias de acoso alleas, e tamén para mobilizar un inxente e moi fiel número de votantes que nin cuestionan as súas actuacións nin moito menos as asumen como factores conducentes a unha posíbel reprobación. Pola contra, o nivel de esixencia e de crítica dos votantes das forzas do bipartito para con elas-e moi especialmente dos do BNG- revelouse novamente dunha intensidade máxima. Non serei eu quen negativice tal cualidade, historicamente consubstancial ás forzas políticas de esquerda, mais penso con franqueza que conviría tamén analizar se tal grao de esixencia era realmente xustificábel cando a opción que había enfronte era a volta a un pasado político xa sufrido e coñecido, acompañado desta volta dun moi potente aparato mediático de desinformación e propaganda.
3. No caso concreto do BNG, a importante xestión realizada desde as súas áreas -verdadeiro motor do cambio, con todos os erros e matices que se quixer, do pasado Goberno- quedou fanada e opacada pola capacidade do PP e dos seus medios afíns para transladar á sociedade outro tipo de cuestións que, sendo en boa medida de tipo formal, fixeron cundir o desánimo na militancia (só roto nos últimos días da campaña eleitoral) e provocaron a deserción de boa parte dos votantes, que asumiron e interiorizaron como certos moitos elementos dos que conformaron a campaña de ataque mediático ao Bloque. Máis que os contidos, o BNG pagou algunhas formas. Non debe iso facer caer en vitimismos á organización nacionalista, nin tampouco limitar a explicación dos resultados á busca de causas unicamente esóxenas. Os resultados poñen de relevo a ausencia nestes anos dunha verdadeira política de comunicación por parte do BNG - que non foi quen de xerar, arredor da súa acción institucional, un discurso unitario potente que ligase o traballo feito aos desexos de cambio e transformación social dos seus votantes-, ademais de indicar, outra volta, a súa incapacidade para poñer freo á preocupante perda de votos que ven padecendo nas cidades galegas desde hai anos.
4. Á esquerda eleitoral do BNG está a nada, o ermo absoluto en termos de relevancia social. O descenso de votos do BNG non supuxo ningún medre doutro tipo de forzas do campo do soberanismo político. FPG e Nós-UP non só non gañaron votos dos críticos coa organización nacionalista, senón que aínda viron diminuír o seu número de apoios. A súa incapacidade para saír da marxinalidade política é tan grande como o seu afastamento do pulso real da rúa. Pola súa banda, Esquerda Unida foi só capaz de sumar 3000 novos votos nuns comicios onde o PSOE perdeu 70000 e o BNG 45000.
5. Os discursos radicalmente hipócritas e falsos arredor da lingua, creados artificialmente por determinados medios e grupos políticos en Madrid e trasladados a Galiza polo PP, UPD e pequenos colectivos sociais minoritarios callou como certo entre boa parte da sociedade urbana, sen que o PSOE e os seus medios afíns lle fixesen fronte con firmeza e claridade. Non é un tema menor, nin pode subestimarse. Cómpre reformular o discurso do nacionalismo arredor da lingua e adaptalo a contextos especialmente difíceis, como son as cidades do noso país, para a) gañar en capacidade de seducción social e b) combater con máis acerto a estratexia dos inimigos do galego. A pel de ovella coa que intelixentemente se cubriron, e determinadas cuestións de tipo formal coas que disfrazaron o seu discurso, acabaron por darlles aos seus plantexamentos certa introdución social. Para todos aqueles que queremos garantir futuro para a nosa lingua e defendemos o noso dereito a vivir nela con normalidade, os resultados eleitorais son tamén unha noticia moi negativa e preocupante.
6. Máis unha vez, o PSOE volveu mostrarse como o que é: o partido da renuncia permanente no campo da batalla das ideas, o partido do marketing sen contidos e a especulación ideolóxica, o partido que se verniza de galeguista mentres agocha nas aspiracións dos seus dirixentes a admiración e os suspiros pola moqueta madrileña. Así lles foi a eles, e así nos vai a todos.
7. Asinaría palabra por palabra o artigo que M.F.Mallo escribe hoxe en Vieiros. Lin tamén con interese, e comparto só moi parcialmente, os de Carlos E. Cué, Suso de Toro e A.Baamonde en El País e o de Antón Losada en El Periódico de Catalunya. Non lin, nin leo, nin lerei La Voz de Galicia.
8. Non comparto a súa análise, máis si a mesma sensación que quedou no corpo a moitas persoas. Define Mario Regueira no seu blog os resultados de onte como "a incapacidade de reeditar un goberno que, estando lonxe dos nosos soños, mantiña afastados os nosos pesadelos".
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Comentarios