Memoria de jóvenes airados

Nunca haberá máis unha equipa como aquela. A pesar de Toni Kukoc. A pesar de Perasovic e Radja. A pesar daquel amarelo Jugoplástica, Pop 84 e non lembro se algún mítico e invencíbel nome máis. Para min, para nós -quintas do 76, 77, 78- nunca haberá máis unha equipa como aquela: Solozábal, Epi, Sibilio, Jiménez, Norris. Estaban nos posters da habitación, nas crónicas da Gigantes e da Estrellas del Basket, nas supercanastras colacao dunha TVG que emitía os Barcelona - Aris de Salónica e non ardía a pesar dos temíbeis infernos gregos. Estaban empuxando en cada salto que dábamos naquela pista descuberta do Grupo, nos recreos de cada día, nos mil tiros en solitario de cada sábado pola mañá. Con eles entraban en nós outros nomes, que a moitos hoxe non dirán nada e a nosoutros nos fan mates na memoria dunha infancia que nunca volverá. Kenny Simpson, Steve Trumbo, Granville Waiters, David Wood, Quin Costa, ... E diante deles Fernando Martín, Romay, Corbalán, Biriukov, Maragall e Villacampa, Joe Pinone, o Forum de Sabonis, o CAI e o TDK, e aquelas temporadas coas tres equipas galegas: OAR / Clesa Ferrol, o Breogán de Lugo, o Caixa Ourense. Remataban os partidos e en cada casa repetiamos nos corredores as fintas, os bloqueos e os cortes UCLA, sorteabamos contrarios con pases imposíbeis, encestabamos triplas decisivas no segundo derradeiro. Lembro os saltos meus con Solozábal, na final da Copa do Rei de Valladolid. Lembro a primeira vez que escoitei Lisard González. Lembro Drazen Petrovic coa lingua de fóra e 60 puntos de anotación, para perder. E lembro a barra do Venecia, ateigada de clientes ao final da tarde, e eu en Moscova, Badalona, Tel Aviv, Boloña, Split, Roma, Ribadeo. Co orgullo nos dentes e a suor caendo en regueiros de inocencia, coa camisola por fóra e os tenis de baloncesto en negro. Velaquí outravolta as imaxes que nos habitan, o país onde quedou todo o mellor que fomos, as pistas onde sempre viviremos limpos de corazón, emocionados polas músicas que sentíamos dos dedos á cabeza cada vez que o balón e a vida entraban polo aro.

7 comentários:

  1. Cando Manolo o do Ribanzo gritaba a pé de pista 'Javi, fai algo', quizais se refería a que fixeras algo así. Aínda me estou secando os choros. Viva Montero!!!

    ResponderExcluir
  2. Emocionáchesme... fáltache un dos inolvidábeis, o gran Audi Norris. Que tipo... E o do basquet galego... os 80 era nosos!

    ResponderExcluir
  3. non, non, a Norris púxeno no cinco inicial, claro. O madrid fichaba todos os anos a un anti_norris que, dito polo gran Audie, aínda facía que este se motivase máis e máis. Tempos fugit compañeiros!

    ResponderExcluir
  4. Ai, é que me non o vira. Estaba secando as bágoas.

    Por certo, a próxima fin de semana pode que vaiamos a Ribadeo a ver a Finalfour da liga provincial. Xoga Leandro, o meu cuñado, no Albeiros de Lugo. Creo que aquelo é tipo Salónica...

    ResponderExcluir
  5. agora si q te vexo humano e aínda q eu era de fernando martín, sempre gocei da finezza de audie norris e dos seus xeonllos de cristal (aquí podes ver unha entrevista do mes pasado con el: http://www.elpais.com/articulo/deportes/Castigue/anti-Norris/elpepidep/20090216elpepidep_19/Tes )

    ro

    ResponderExcluir
  6. Menotti y Cappa como pseudofilósofos de cabecera ¿? !!!!!!!. Vale, joder, es mi única queja.En su día también fui un Angry Young Man.
    Tendremos que emborracharnos otra vez.

    ResponderExcluir

Comentarios