Corpo a corpo

Sufrimos o Manifiesto por la Lengua Común, a polémica Steiner, a estratexia Galicia Bilingüe e agora gobernarán a Xunta os que queren segregar os nenos por razóns de lingua. Non sei se por ter raíz de toxo verde ou por sermos quen os seus falantes máis conscientes, como masa importante de cidadáns que non estamos dispostos a retroceder nos dereitos acadados, o galego seguirá aí cando marchen os novos tiranosaurus. Mais non entender que o tempo pasado nos causou feridas e abriu fendas de importancia sería un erro que non nos podemos permitir. Cómpre a mobilización e a protesta máis que nunca, é certo, mais teño para min que cómpre tamén unha mudanza clara e visíbel no noso discurso e nas nosas estratexias. Escola por escola, ANPA por ANPA, colectivo por colectivo, imos ter que ser nós, desde a sociedade, quen clarifique e faga o traballo que unha pésima Secretaria Xeral de Política Lingüística non quixo nunca facer neste tempo. E imos ter que coidar as formas, orientar os contidos, seducir aos destinatarios. Trátase de fixar falantes no rural, dotándoos de consciencia e orgullo, e de mimar neofalantes nas cidades, facéndoos sentirse mellores, máis felices, máis completos coa nosa lingua. Vai ser un combate corpo a corpo...

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios