A Mariña Cabaré

Di un bo amigo meu que unha cousa é ser ocurrente e outra ben distinta ser culto. Quico Cadaval é as dúas cousas, mais sobre todo a segunda, e por iso nunca resulta pedante, foxe da solemnidade e sabe empregar e valorar os recursos da cultura popular contemporánea en beneficio dos textos que leva á escena, sexan estes de Shakespeare ou de Manolo Lourenzo. Ten á crítica do seu lado, pero sobre todo ao público: conseguiu devolver á xente as gañas de ir ver o CDG de forma masiva, dentro do que isto significa no campo das artes escénicas galegas. Onte estreou no Salón Teatro o seu novo espectáculo, As dunas, que disfrutei mediatizado pola miña condición de habitante do país imaxinado que é A Mariña no texto. E digo imaxinado non por marcar distancias entre o panorama social que mostra a obra e a realidade actual da Mariña, senón polo exercicio de construción do espazo mental no que o Manuel Lourenzo presenta a historia. Unha Mariña na que o desastre urbanístico afoga a paisaxe, a historia e o patrimonio baixo a ditadura do poder dos tixolos, unha Arcadia violada a ritmo de kuduru, mornas e música electrónica polo diñeiro rápido e a especulación. O autor, figura grande da dramaturxia ibérica actual, trasloce no texto da montaxe o seu amor e a súa decepción para co territorio ao que pertence. Como naquel poema de M.X.Queizán con Galiza, Manolo Lourenzo ama á Mariña "con raiva, con indignación". E Quico logra mergullarnos no free-spa As dunas a golpe de musicais, exhibicionismo emocional e intelixencia matizada: un pouco porca, un pouco fina. Quero volver vela en Ribadeo e comprobar, entre malévolo e divertido, a resposta dalgúns dos asistentes.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios