Sentidiño

Alguén no PSdG debería saír canto antes para desautorizar ou, cando menos, matizar convenientemente as declaracións que nos días pasados fixeron destacados dirixentes dese partido, como Ricardo Varela ou J.L. Méndez Romeu, desacreditando a fórmula do bipartito como alternativa desexable de goberno ao PP. Semella que no PSOE a autocrítica non está de moda, e así non tardaron nin dous días en botar balóns fóra e culpar ao Bloque da perda da Xunta. A análise roza o ridículo e, sobre todo, resulta tremendamente perigosa. Porque unha cousa é non recoñecer que o PSOE baixou máis en votos e o mesmo en deputados que o Bloque (resultado só maquillado agora co voto emigrante), que foi incapaz de tirar réditos do feito de ser Touriño o presidente, que se equivocou en non valorar con máis acerto os efectos electorais da crise económica, que o adianto dos comicios ao outubro pasado foi promovido e abortado desde o propio partido de forma gratuíta e irresponsábel, que na nefasta campaña presidencialista que levou adiante foi incapaz de responder ás acusacións do PP sobre o dispendio no parque móbil e nas reformas de San Caetano e Monte Pío ou que se alguén evidenciou a división do bipartito foron o propio Touriño e Pachi Vázquez na cuestión do concurso eólico, a FEGAMP socialista contra a labor da Consellaría de Vivenda ou determinados alcaldes como Orozco no caso das Galescolas. De todo isto, nada. Mais unha cousa, xa digo, é non recoñecer os erros propios e outra moito máis grave é ser tan curtopracista e suicida como para invalidar a fórmula dos bipartitos e transladar á sociedade que estes non son funcionais nin desexábeis. Pensa acaso o PSOE que vai poder gobernar en solitario nas cidades, ou que vai poder recuperar a Xunta en solitario? Ou é que renuncia abertamente a tales obxectivos? Seguramente nin unha cousa nin outra. De fondo desas declaracións paréceme que está unha lectura en clave interna e electoralista, segundo a cal a Galiza urbana asumiu determinados argumentos contra-identitarios empregados polo PP (galescolas, decreto do galego no ensino, etc) dos que cumpriría, polo tanto, desmarcarse agora cara as municipais, mesmo a costa de non defender a labor feita no Goberno. Tal cousa fai hoxe o alcalde socialista da Coruña, Javier Losada, que non dubida en defender un auténtico disparate ilegal para disputarlle ese terreo ideolóxico aos populares da súa cidade. En fin... Vista a situación, conviría que algúns intelectuais e persoeiros que arrodean ese partido saísen publicamente a opinar con máis altura de miras, capacidade de autocrítica e sentido da responsabilidade do que a demostrada polos seus órganos partidarios. Porque a metade da sociedade galega que non votou PP non se pode permitir agora a demonización do bipartito, tal e como acontecera no seu día co tripartito de Laxe. Este foi un goberno que evidentemente non cumpriu todas as expectativas xeradas, mais recoñecendo iso cómpre tamén poñer en valor e defender os seus importantes acertos, e especialmente aquelas políticas máis transformadoras -case todas elas impulsadas desde as áreas do BNG- que precisaban dunha segunda lexislatura para ser consolidadas e reforzadas. Non defender a acción do goberno, demonizar o BNG e a propia fórmula dos bipartitos e enrocarse nun españolismo electoralista ao ditado das teorías promovidas pola Voz de Galicia supón un erro estratéxico de vulto, que condena o noso país a sucesivas maiorías da dereita e translada á metade da sociedade galega desilusión, desmobilización e resignación. Polo demais, a ninguén se lle escapa que o obxectivo do PSOE en 2005 e 2006 era aproveitar o Goberno da Xunta para fagocitar desde o mesmo ao nacionalismo galego, como xa acontecera nalgunha das experiencias municipais. Non o conseguiron daquela, nin hoxe, nin o van conseguir nunca, por moito que teimen no seu desexo de construír en Galiza un bipartidismo que reflicta e espelle no noso país o existente a nivel estatal. Ese bipartidismo perfecto rómpeno as realidades nacionais existentes dentro do Estado e a súa concreción política: os nacionalismos galego, vasco e catalán. Canto antes o PSOE entenda isto -e o asuma por enteiro no caso galego, isto é, deixe de se confundir de inimigo- antes nos poderemos poñer outravolta a reconstruír unha alternativa sólida e ilusionante ao PP neocon de Feijoo e Galicia Bilingüe.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios