La Voz de Galicia, o BNG e os antipartido

Sabiamos que isto podía pasar. Que a batalla non era só eleitoral e que estaba en xogo sentar as bases para un cambio máis profundo en relación aos poderes reais actuantes na sociedade galega. Pedimos, cando xa seguramente era tarde, que isto se entendese e defendese, e que servise para priorizar electoralmente a necesidade colectiva do país de manter afastado dos resortes do poder público ao Partido Popular de novo cuño feijoniano. Mais non puido ser, e perdemos. Agora toca afrontar o que diso se deriva. Os que gañaron as eleicións non mudaron nin os modos nin os obxectivos da campaña, a adrenalina segue alta e o champán non rematou nos despachos vencedores de Lacoru. Na borracheira da vitoria volveron falar por boca de portavoces nunca ben encubertos, e na cerimonia da confusión que procuraban tiveron achegas inexplicábeis dos que confunden democracia con despotismo ilustrado. Os seus obxectivos de fondo están claros: reforzar o seu statu quo, abrir campo de xogo ao españolismo vazquista, aniquilar o nacionalismo organizado e deixalo en mera anédota culturalista ou marxinal, impedir un novo bipartito que aprenda e corrixa os erros cometidos. Por iso queren a volta do lerrouxismo e a viraxe do PSdG cara as teses pacovazquistas. E por iso queren romper o BNG, e o van tentar até o final por medio das máis variadas estratexias. Seguirán atacando os Casal, Lorenzo, Blanco e demais guerrilla mediática ao servizo da voz da seu amo, o Cidadán Rey do pao de golf e as ínfulas de estadista. Amplificarán as críticas dos que atopan na disidencia (explicitada nos medios e non na propia organización) a ocasión perfecta para alimentar o ego e verse na foto cos amigos e a roupa nova. Cinco parecerán quiñentos, e a actitude dunha parte será estendida ao todo. E non faltará quen lles axude desde o propio campo de xogo con declaracións, artigos e manifestacións realizadas desde a autocompracencia e o radicalismo máis torpe e incapaz. Todo indica que os meses que veñen serán duros. Vai facer falla vacinarse contra o desánimo e esforzarse máis que nunca en explicar as nosas posturas a propios e estraños. Máis iso é o que agora cómpre: ser responsábeis, ter confianza en nós mesmos, defender o BNG con orgullo polo o que é: unha ferramenta nacida do pobo e ao servizo do pobo para unha Galiza con máis autoestima e máis benestar.

E diante da máis que previsíbel enxurrada de artigos que teremos ocasión de ler nas semanas vindeiras sobre o Bloque e o proceso que agora abre formalmente, non me resisto a traer a este blog algúns anacos dun artigo clarificador e interesante de X.C. Garrido Couceiro, publicado no diario dixital Vieiros. Oxalá sirva de vacina ás actitudes que, desde o elitismo culturalista e a comenencia política, haberemos de sufrir en días vindeiros.

Os antipartido ou antisindicato de hoxe non teñen a honestidade de aclarar a prol de que están, simplemente tiran a pedra e esconden a man. (...) O individualista sérvese dos partidos ou sindicatos en función dos seus intereses particulares –como tan ben retratou Castelao- e o máis patético é que cre afirmar a súa independencia persoal cando ao fin só se deixa levar polos ares da globalización actual, que fomenta ese tipo de desconexión comunitaria e exalta o personalismo consumista cosmopolita. Canto máis pensa que fala libremente por non medir as consecuencias do que di, máis funciona como un resorte automático accionado por quen lle pon o micro cada vez que o precisa, e ao fin é fiel lacaio do poder dominante. Fronte a este panorama, non hai xesto de maior rebeldía que actuar a contra corrente, traballando por construír proxectos colectivos a través dos tan deostados partidos e sindicatos de masas, nunha acción conxunta a prol de metas diferentes das que veñen marcadas polo sistema.

(...)

Hai vida intelixente fóra dos partidos. En política calquera cousa que se faga vai servir para facerlle o xogo a alguén e, xa que logo, é difícil ir por libre. Mais o devandito refírese aos “antipartido” e non é de aplicación para quen consegue contribuír desde a sociedade civil (seguimos con Gramsci) a desprazar o marco de consenso a favor das causas populares, axudar a consolidar as estruturas de mobilización de clase ou nacional e botar unha man en caso de necesidade; isto, a pesares de non ser quen, pola súa biografía e circunstancias, a afiliarse a unha organización política ou sindical coas cal lles separa multitude de matices ou cuestións locais e sectoriais. Mais non son atraccións de feira e son silenciados e marxinados porque toman partido a pesares de non ser de ningún, sobre todo por non ser dos antipartido. Como distinguilos se non levan na lapela ningunha sigla? Unha pista: seguro que non saen na Voz de Galicia.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios