Contra a imposición do galego

Xa se sabe que vivimos nun país onde os falantes de español, moi maioritarios -arredor dun 65 % de falantes habituais cun case 100 % de comprensibilidade- o usan só nos contextos familiares, porque a persecución histórica que esta lingua sofreu en Galiza fai que aínda hoxe exista un certo auto-odio ou complexo nos seus falantes, que cambian ao galego inmediatamente cando van ao xulgado, ás tendas de moda, aos centros de saúde ou ás entrevistas de traballo. Xustamente no ámbito laboral a cuestión da discriminación do español é especialmente delicada: coñecidos e numerosos son os casos de persoas españolfalantes que non accederon ao emprego por teimar no uso da súa lingua, ou aos que os seus xefes indicaron amabelmente a pertinencia do uso do galego se non querían ir á rúa. Da mesma maneira, a pouca presenza na vida social do español (só unha das oito ou nove cadeas de televisión e tamén só unha das oito ou nove cadeas de radio emiten en español; os xornais están todos en galego menos un, as salas de cinema, os dvd´s, a música dos bares e discotecas, etc están integramente en galego) fai que a preocupación se instalase nos seus falantes máis conscientes polo negro futuro que todos os datos prevén para o español de continuar estas tendencias. A situación do español é especialmente grave na xente nova, posto que nas cidades e contextos urbanos o galego teno practicamente totalmente desprazado de todos os usos formais e informais. Diante desta realidade, o Goberno galego quixo paliar minimamente este evidente desequilibrio, a través de pequenas mudanzas no sistema de ensino, de forma que se tendese cara un 50% de galego e outro 50% de español no mesmo e se garantise que, ao rematar os seus estudos, todos os nenos e nenas fosen plenamente competentes nas dúas linguas. Mais estes cambios foron percibidos por algúns sectores minoritarios de galegofalantes extremistas como unha agresión á súa liberdade individual, e co apoio dunha importante campaña mediática e política organizaron diversas iniciativas e manifestacións contra o que calificaron de "imposición do español". Matizaron, iso si, que nada tiñan contra o español e os seus falantes, e que se esta lingua desaparecía sería unha pena. En calquera caso, manifestaron o seu convencemento de que iso nin era cousa da que os poderes publicos tivesen que se ocupar nin podía supoñer un problema para os estudos dos seus nenos, que bastante tiñan xa con pensar na súa lingua sen verse obrigados tamén a ter que coñecer o español. A situación actual é de inquietude e preocupación para os falantes desta última lingua. Moitos deles non acaban de entender a pasividade dos falantes de galego para co que eles entenden unha campaña de mentiras evidentes dos medios de comunicación, mais non se atreven a exteriorizalo por medo a que alguén lles diga que están xerando un conflito lingüístico. Outros aínda teñen ánimo para se organizar en colectivos de defensa do seu idioma: argumentan, desenvolven e promoven iniciativas a prol da normalización da lingua, mais non conseguen evitar a súa demonización. Con frecuencia as súas posturas son caricaturizadas nos medios de comunicación, e en xeral acaban descalificadas pola apisonadora do consenso oficial. A percepción social que existe sobre eles é que son extremistas políticos ou profesores de español, lamentan. E o panorama non parece que lles permita ser moi optimistas.

PD: obviamente o anterior, por se alguén obtuso non o percebe, é retranca galega.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios