Mulleres resistentes

No medio da que está caendo, abro o correo electrónico e chégame un mail do BNG, lembrando as actividades previstas polo 8 de marzo, Dia Internacional das Mulleres. A pesar de todo, seguimos na rúa e ao lado da xente, e síntome reconfortado, orgulloso. Gústame militar nunha organización así. Cóntanme que desde a derrota do domingo, máis de 80 persoas pediron xa a alta no Bloque. Fáloo con Carme Vidal, amiga e compañeira de militancia, que hoxe está de aniversario e vén de publicar, no novo número da revista Terra e Tempo -xunto con X.C. Garrido-, unha entrevista interesantísima, intensa e moi emotiva a Teresa Alvajar, filla do político republicano César Alvajar e da galeguista Amparo López Jean. E lémbrome entón do falado en Ribadeo con Suso, el toupo que fuza, sobre a historia de Juana Capdevielle contada por Carmen Blanco na súa Atracción total, e das lecturas de Ana destes días, centradas na vida de Carmen Cornes, María Tobío e outras galegas que tiveron que marchar da Terra. E vénseme á cabeza tamén o día en que, grazas a Carme, coñecín a Elsa Sánchez de Oesterheld, a avoa de Plaza de Mayo viúva do historietista Héctor Germán Oesterheld, o autor de El eternauta. Impactárame tanto que lembro terlle mandado un mail aos amigos máis íntimos, contándolles ese encontro e como me afectara a súa mirada: "a mirada que remove a chuvia, mete dentro do corpo a tempestade e fai, con Maruxa Mallo, que medre trigo nas punta dos nosos dedos." Matino ao longo da tarde, xa na casa, en todo isto. E sinto feliz como o día foi tecendo unha rede poderosa e feminina, con historias de mulleres resistentes e libres. E alédome por iso. Pecho os ollos, acomódome no sofá, encendo o iPod e escoito Uxía, Lila Downs, Mercedes Peón.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios