Sementar a confusión

Leo nalgúns medios e artigos que a UPG lle respondeu a Beiras. Sorpréndeme a noticia, busco quen fixo esa resposta e non a atopo por ningures. Basicamente porque non é certa. Mais semella que hai xa persoas e grupos interesados en que pareza que o debate sobre o futuro do nacionalismo se vai dar nos medios, por parte de todos e a tumba aberta. E non é así, polo menos até o momento. Quen falou onte foi a dirección do Bloque, escollida pola propia militancia de maneira democrática e por ampla maioría, e fíxoo por boca do seu responsábel de organización, Alberte Ansede. O que dixo entendo que é de absoluto sentido común: a roupa suxa lávase na casa. Respectando o dereito de toda a militancia para opinar sobre o acontecido, entendo que esas manifestacións deberían canalizarse a través dos organismos do BNG: Executiva, Consello Nacional, Asembleas Comarcais, Asembleas Locais. O propio Beiras forma parte da Executiva, grazas ao respaldo que obtivo por un importante número de compañeiros e compañeiras. E el mellor que ninguén, sendo como foi portavoz nacional e tendo como tivo a toda a organización traballando detrás -incluída esa UPG que tanto denosta agora- , debería saber e sabe que falar nos medios e non dentro da organización non é unha actuación nin responsábel nin construtiva nin leal. Infelizmente, semella que o que se procura non vai nesa dirección, e que todo este rebumbio mediático non é máis que a escenificación e a preparación do terreo para levar adiante unha decisión que poida que xa estivese tomada de antemán. Veremos.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios