Ribadeo está de moda
Ou iso parece. Tamén haberá quen diga que son eu, que a miro con bos ollos, e non lle faltará razón, mais o caso é que por unha cousa ou outra nestes últimos meses non para de saír en filmes, obras de teatro, informacións culturais, ... Primeiro foi a estrea na nosa vila de Os mortos van ás presas, o sinxelo pero entretido filme de Angel de la Cruz que estes días se presenta nas principais cidades do Estado. A quen non a viu, recoméndolle que se achegue ás salas de cine xa só polas fermosas paisaxes costeiras -de Rinlo á Illa Pancha, pasando por Cavanardá- que nela se poden contemplar. Tamén polo tema en galego (o tradicional Aluméame) que canta Sevigny. Mais despois da alfombra vermella chegaron as efemérides: cumpríanse 200 anos do asasinato e paseo posterior (a rastras de cabalo) de Raimundo Ibáñez, marqués de Sargadelos, polas rúas do noso concello. O que foi un dos principais empresarios da época nacera en Santalla de Ozcos, fixera cartos e prosperara en Ribadeo -a residencia que se mandou facer é a actual Casa do Concello- e desenvolveu en Sargadelos os seus negocios industriais, co apoio directo da Casa Real. Por último, o venres pasado estreábase en Santiago a nova montaxe do Centro Dramático Galego, As dunas, un espectáculo no que toda a costa da Mariña, anceiada polos señores dos tixolos e protexida polas leis da natureza, é a principal protagonista. E non é casualidade que así sexa: o texto, dirixido por Quico Cadaval, corresponde a Manuel Lourenzo, un dos principais autores de literatura dramática de toda a Península, e que a esa condición une a non menos importante da nacencia mariñá no Valadouro. Cinema, historia, teatro, ... e música. A que fai Zora Gabbara no seu ep Songs for Jubal, que se pode descargar de balde desde A Regueifa Plataforma. Acústica, americana da raigame de Jeff Bucley ou Mark Lanegan, evocadora. É con eles que vos deixo.
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Comentarios