Beijos na Regueifa

Estes foron anos magníficos para a música galega, dixémolo xa neste mesmo blog nalgunha entrada anterior. E esperemos que o continúen a ser, porque o que é creatividade, desde logo, non falta. Os locais de ensaio construídos, as novas tecnoloxías -que permiten novos modelos de edición e difusión pola Rede-, o mantemento de determinadas políticas culturais postas en marcha (Galician Tunes, programacións musicais) e a esixencia de que os medios públicos (TVG e RG) dean visibilidade aos nosos grupos e artistas son algunhas das claves para que o bo momento actual se manteña cara o futuro. Mais nesta ocasión quixera referirme, en concreto, á experiencia da Regueifa Plataforma, auténtico viveiro e trampolín de grupos galegos cara unha difusión e nivel de coñecemento moito máis amplo que o estritamente local. O proxecto Regueifa Plataforma como selo dixital, como blog, como axente conectado a proxectos varios (SonoTone, Radio Oceánica, Manifesto Dobarrista, Fanny & Alexander, ...) e, sobre todo, como axente conector de persoas, experiencias e vontades individuais seméllame -semelloume sempre- absolutamente fantástico, polo que ten de intelixente e de útil para a nosa música e para a normalización do galego nas músicas pop -en sentido amplo, que ninguén se me enfade- do noso país. A Regueifa Plataforma, desde o compromiso absoluto co amor ás músicas de calidade, mostrou tamén camiños para a seducción cara o galego de xentes mozas, urbanas, neofalantes. E baixo a marca Fanny & Alexander, na súa versión creativa, mostrou que ser moderno en Galiza era tamén cantar Rosalía, Carvalho Calero, Pilar Pallarés, Lois Pereiro. Chapeau para Noel, e apertas grandes. Déixovos aquí cun video que me fascina dun dos grupos, neste caso brasileiro, que descubrín grazas á Regueifa, os Luísa mandou um beijo.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios