A min, a verdade, o que me gusta é comer. E pódenme crer que o meu internacionalismo non se limita ao mundo das ideas. Ao carón do cocido, da empanada, do polbo, das ameixas ou da pescada á galega, por dicir só algunhas marabillas da nosa gastronomía, no meu estómago entran á perfección os ibéricos españois, a pasta italiana, o sushi xaponés, o bacalhau e os arroces portugueses, ... Non digo non nin á cociña tradicional galega, nin á nouvelle cuisine, nin tan sequer ás hamburguesas macdonaldizadas. Cada cousa ten o seu aquel, o seu momento e contexto, sen prexuízos. Se algo me gusta gústame en función de se está rico rico ou non, nunca en función da súa procedencia. Ocorre, porén, que son galego, e gústame presumir do meu, de todo o bo que temos que ofertar aos demais. Desde logo, se eu for o responsábel de difundir a cociña galega polo mundo adiante, non me cinxiría aos tópicos coñecidos -polbo á feira, empanada e albariño-, senón que procuraría demostrar a amplitude e calidade dos nosos produtos, a excelencia da nosa materia prima e a modernidade dos nosos cociñeiros -dos da cociña tradicional e dos que, partindo dela, a renovan: o Grupo Nove, por exemplo- . O que non diría nunca é que "a cociña galega limita, prefiro falar de cociña feita en Galicia". Non vexo a Arzak dicindo iso da vasca, nin a un chef francés ou italiano tal cousa das súas respectivas. A non ser que entendamos por cociña galega só a tradicional, esa afirmación non ten sentido algún. E no caso de entendelo así, o problema teríao eu e a miña estreiteza de miras, non a cociña galega. Outrotanto ocorre na música, que tamén me gusta moito. Teño entrado en tendas nas que o apartado música galega atinxía unicamente á música tradicional, folque e popular (bandas e corais), marxinando aos grupos de rock, pop, electrónica... que son tan galegos como os anteriores. O problema teno o dono da tenda, incapaz de entender esta obviedade, nunca o conxunto das músicas galegas. Desde logo, nunca se me ocorrería equiparar música galega con gaitas, por exemplo. E tampouco, ao tempo, desprezar as gaitas, que ningunha culpa tiveron da utilización folclorizante que fixo o franquismo (e o fraguismo) delas. O mesmo se podería dicir doutra expresión artística marabillosa, o flamenco. En fin, non sei se me explico. O caso é que estes días houbo quen, con bastante falta de diplomacia, reflectiu os seus prexuízos propios e quixo apoñerllos á cultura do noso país, sen que faltasen torpes comunicadores desexando aplaudir e meter os pés na lama (Isabel Bugallal en La Opinión, Carlos Agulló na Voz), mostrándonos impudicamente o seu convencido sectarismo. A min, xa digo, o que me gusta é comer. Haberá quen pense que o cosmopolita é beber coca-cola (nada hai máis globalizado) e porén eu penso que cosmopolita é valorar a coca-cola pero, ao tempo, valorar, gozar e dar a coñecer aos amigos e coñecidos os bos viños do país. Haberá quen pense que cosmopolita é só escoitar Beethoven, e porén eu penso que cosmopolita é non ter prexuízos e poder mergullarse con pracer en Dylan, Leonard Cohen, Cesárea Évora, Mercedes Peón, Stone Roses ou Amaral, se é iso o que nos gusta. Haberá quen pense que cosmopolita só se pode ser en castelán (por que non o deixan e se pasan ao inglés?) e porén eu penso que só un paleto provinciano e inculto desprezaría a riqueza que supón coñecer cantas máis linguas mellor, e valoralas todas por igual, partindo desde logo do amor e o cultivo da propia do teu país. Non sei, son formas de ver as cousas. A min o que me molesta é que, polo feito de me gustar o caldo tanto como me gusta, seica xa non vou poder ser un verdadeiro cosmopolita. Teño que pensalo a ver, pero teño para min que, se así son as cousas, igual pido dúas tazas.
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Comentarios