Denuncia Manuel Rivas nas páxinas d´A Nosa Terra: "España ten unha historia expulsatoria da diferenza. Para construírse non escolleu integrar senón botar fóra, fosen os xudeus, os mouriscos, os liberais ou os roxos. Se cadra isto ten ver que cos poucos espazos que hai para visualizar a diversidade." Concordo plenamente coas súas palabras, que se evidencian certas a diario simplemente con ollar os medios de comunicación públicos estatais e a exclusión existente nos mesmos da produción artística e cultural en lingua galega, vasca e catalá. Nun Estado no que o 40 % da poboación ten unha lingua propia diferente á castelá, nin as televisións nin as radios públicas nin o propio Parlamento do Estado reflicten con normalidade esa realidade plural existente. A sociedade española nin se recoñece como o que é -plurinacional, pluricultural e plurilíngüe- nin acepta esa condición como un motivo de orgullo común digno de ser fomentado. Moi ao contrario, a ideoloxía españolista non só non asenta os seus valores nunha concepción positiva e integradora da diversidade interna, senón que interioriza e exacerba a máis rancia tradición da España cañí, inquisitorial e menendezpidaliana. A saber: imposición do castelán e desprezo ás outras linguas linguas do Estado, visión esencialista da nación española, concepción pechada e reaccionaria da identidade.
Diante da ausencia dunha verdadeira esquerda estatal social e eleitoralmente relevante, recaíu exclusivamente nos nacionalismos periféricos a tentativa dunha tan necesaria como complexa labor de pedagoxía democrática arredor do conceito da diversidade cultural do Estado, tanto dentro como fóra dos seus propios territorios. Ao avance nos dereitos e liberdades individuais deberíaselle sumar outro avance paralelo no recoñecemento e asunción política da natureza plural do Estado, para de verdade podermos camiñar cara unha democracia de verdadeira calidade, que se constrúa a si mesma a partir da sociedade real e non do prexuízo ideolóxico. Canto non mudaría a visión dos cidadáns sobre este tema se, da mesma forma que ocorreu coa violencia de xénero, a integración dos inmigrantes ou a normalización social dos homosexuais, os sectores progresistas do Estado percibisen a necesidade de xerar e socializar discurso en positivo arredor da cuestión da diversidade identitaria interna. Neste sentido, un paso interesante para avanzar na aceptación social da pluralidade lingüística do Estado é a creación do ILPI (Instituto de Linguas da Peninsula Ibérica), entidade fundada por un grupo de sociolingüístas dos diversos territorios peninsulares que pretende desenvolver publicacións, congresos, cursos de formación, etc para difundir e promover o valor do multilingüísmo como elemento enriquecedor para a convivencia cidadá. Mágoa que esta noble e construtiva iniciativa non xurdise da vontade política do propio Goberno español e non vaia ocupar os titulares de prensa nin dar pé ás columnas de opinión e debates que si mereceron algúns pequenos colectivos de estremistas radicais contrarios á normalización social do galego. A pesar de todas as dificultades e incomprensións, cómpre seguir firmes e activos na defensa do que é xusto.
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Comentarios