Hipocresía lingüística
Hoxe soubemos que o PP impediu, co seu voto en contra na Comisión de Sanidade e Consumo do Senado, que os exames para o MIR (Médico Interno Residente) se podan facer en calquera das catro linguas do Estado. Non nos sorprende, a verdade. É simplemente unha votación máis en contra da ampliación de dereitos para a nosa lingua, coherente coa liña política deste partido canto á pluralidade lingüística do Estado. Mais estamos, iso si, á espera de algunhas explicacións. Que dirán ao respecto Galicia Bilingüe, UPD e demais colectivos que artellaran aquela famosa manifestación, cando saiban que a cidadáns galegos -moitos deles galegofalantes- se lles está impoñendo o castelán e negando a posibilidade de realizar o exame na súa lingua propia e materna? Denunciarán os medios de comunicación tal imposición? Dirá algo La Voz de Galicia, indignaranse El Mundo e El País, sairán Manquiña, Savater e Boadella denunciando a vulneración dos dereitos dos falantes de galego, vasco e catalán? Haberá tan sequer algún medio de comunicación no noso país que chame a Galicia Bilingüe e ao PP e lles pregunte por que neste caso non defenden os dereitos individuais e a liberdade de elección idiomática das persoas? Todas son, evidentemente, preguntas retóricas, porque sabemos que nada do anterior vai acontecer. E, mesmo no caso moi improbábel de que ocorrese, saberiamos tamén antemán a súa resposta. O PP xa argumentou que garantir ese dereito "crearía máis burocracia e supoñería máis gasto público". Curioso que cando se trata de garantir dereitos para o castelán o PP argumente o seu voto positivo dicindo que se trata de salvagardar os dereitos individuais das persoas, mais cando se tenta exactamente o mesmo para o galego argumente o voto en contra explicando que iso resultaría "moi caro e burocrático". A hipocresía lingüística desta xente non ten vergoña e nunha sociedade con medios de comunicación minimamente lexíbeis aos responsábeis da campaña contra o galego (perdón, a prol do bilingüismo) poñeríaselles a faciana roiba de haber quen estivese interesado en inquirilos, con seriedade, ao respecto das súas evidentes contradicións. Mais sabemos que non vai ser así, e que o seu argumentario continuará por vieiros tan enganosos como infelizmente eficaces: non existen dereitos colectivos (para Galiza, mais si para España) e unicamente cómpre defender dereitos individuais (garantidos por lei aos españolfalantes e negados, por esa mesma lei, aos falantes das outras linguas). A claridade coa que é perceptíbel tanta hipocresía sen disfraz fai que, no medio do desacougo, me asalten a un tempo a dúbida e a indignación: de verdade pode haber alguén con cabeciña que se deixe enganar por esta tropa ou é simplemente que hai xente que decidiu que non quere ver?
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Comentarios